[Vídeo] 21 pacientes graves en padiolas e cadeiras de rodas nos corredores de Urxencias do CHUS
A Asociación de Pacientes e Usuarios denuncia “maltrato asistencial”. Afirma que un paciente permaneceu mais de cinco horas nos corredores de acceso, xunto con outras decenas de pacientes, a pesares de ter asignado pola triaxe a cor amarela, que fixa unha demora máxima de atención urxente dunha hora.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Clínico Universitario de Santiago, CHUS, denuncia que esta cuarta feira volveu haber unha nova situación de colpaso na Urxencias deste complexo hospitalario.
“O servizo volveu a estar gravemente colapsado. Ás 17:50, 21 pacientes graves estaban colocados nos corredores de acceso en cadeiras de rodas e padiolas agardando horas a ser atendidos. 34 estaban pendentes de ingreso, a pesar de que 17 deles tiñan a cama asignada en planta”, afirma este colectivo nun comunicado.
Informan, ademais, que un paciente, M.C. “relatounos como foi o seu sufrimento nos corredores de acceso nos que pasou mais de cinco horas agardando ser atendida”.
O testemuño recollido é o seguinte:
“Son paciente de cardioloxía e oncolóxica en remisión. A medio día de onte [día 26] sufrín unha síncope cardioxénico que me produciu convulsións, dor de pescozo e de cabeza, provocándome, ao convulsionar, mordeduras nos carrís e golpes nun ollo ca perda dunha lentilla. Miña nai, que ten unha discapacidade física e principio de demencia, chamou a ambulancia. Ao chegar fixéronme un electrocardiograma e unha proba de azucre, sorprendentemente dixéronlle a miña nai (nese intre estaba acompañada pola sua coidadora), porque eu estaba totalmente ida e non lembro nada, que tiña que esperar unha media hora por unha segunda ambulancia para que me trasladaran a urxencias e que se non chegaba que volvera a pedila, o que tivo que facer dado que se demoraba”.
“Ao chegar a urxencias, ao redor das 12:30 horas, paso pola triaxe e asígnanme cor amarela, polo que tería que estar atendida nun prazo máximo de 1 hora. De alí vou directamente ao corredor que nese momento está cheo de pacientes arrimados a parede en cadeiras de rodas e padiolas. Practicamente non temos espazo entre paciente e paciente e cada pouco nos golpeamos uns a outros. A pesar de que tiña que ser atendida no prazo dunha hora, trasladáronme ao cubículo ás 17:30h, a miña parella, reclamou en triaxe a situación, e contestáronlle de moi malos modos, tras soportar unhas cinco longas horas aparcada no corredor e padecendo condicións morais e físicas intolerables nun servizo que debe prestar a atención urxente nos prazos fixados pola triaxe, repítenme o electrocardiograma, porque sorprendentemente, non aparecía o que me fixeran na casa dos meus pais, permanecín en urxencias ata a 1 da madrugada, máis ou menos".
“Segundo datos publicados pola xerencia na páxina web no enlace “pulso do CHUS” nas últimas 24 horas foron atendidas 412 pacientes o que supón un baixo nivel de demanda (sen ir mais lonxe no colapso do día 12 de febreiro a demanda acadou 539 pacientes). As camas ocupadas foron de 917 (60,6%) quedando dispoñíbeis 594. Estes datos son proba de que a demanda asistencial non xustifica o grave colapso que sufrimos os pacientes no servizo de urxencias, no que se vulnera, un dia si e outro tamén, o noso dereito a intimidade e a dignidade”, di a Asociación.