Vide Vide, Creativas Galegas e Código Cero levan os premios Manuel Beiras

Representantes da tenda Vide, vide!, que colabora con 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
Estes gañardóns, impulsados polo Concello de Compostela e a Cámara de Comercio, teñen como fin "recoñecer e pór en valor o uso do galego" na comunicación das distintas empresas e entidades.

Os Premios Manuel Beiras, promovidos pola Cámara de Comercio e o Concello de Compostela, veñen de ser entregados ás empresas Vide Vide, Creativas Galegas e Código Cero. Nesta XXII edición quíxose facer un recoñecemento ao uso do galego por parte destas firmas e organizacións.

A tenda especializada en viños galegos Vide, Vide! -ubicada en Compostela e colaboradora habitual de Nós Diario- levouse o premio na categoría de empresas cun uso continuado do galego.

Pola súa banda, na categoría de nova incorporación ao galego, o negocio elixido resultou Creativas Galegas, por ser, segundo palabras do xurado, "unha aposta en feminino por abrir no corazón da Cidade Histórica unha xanela á creatividade".

Así mesmo, Código Cero foi recoñecida "pola súa innovación no uso do galego ao levar 20 anos dando conta das innovacións no sector TIC e interconectando o tecido empresarial, utilizando o galego como vehículo".

O xurado desta última edición estivo formado por representantes do Concello e da Cámara así como da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Colexio Oficial de Xornalistas, A Mesa pola Normalización Lingüística, da Unión de Consumidores da Galiza, e representantes dos e das empresas premiadas o ano pasado.

O acto de entrega decorreu esta segunda feira coa presenza, entre outras e outros representantes, do alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo; o vicepresidente da Cámara de Comercio, Jorge Lorenzo; a vogal do Comité Executivo da Cámara, María Pais, e o presidente do xurado dos premios deste ano, Xabier Freire.

Na súa intervención, Bugallo amosou a súa satisfacción pola consolidación destes premios e asegurou que a "longa e exitosa" traxectoria das galardoadas "significa que cada vez máis empresas compostelás conciben o idioma galego como un valor engadido".

A vogal María Pais engadiu que estes proxectos "fan que o idioma sexa unha aposta real e unha aposta segura en Compostela", e afirmou que, con este tipo de accións, "os prexuízos negativos van minguando e a lingua vaise consolidando como un valor de identificación positiva das empresas galegas".