Alternativas

Vida para o monte galego máis alá do eucalipto

[Imaxe: cedida] Presentación da ILP Cousas de Raíces.

Setas, froitos do bosque, castiñeiro ou piñeiro. Estas son algunhas das alternativas descritas polas persoas expertas ás que Sermos Galiza lles lanzou a pregunta de se existe unha alternativa economicamente viábel á eucaliptización. Iso si, todas destacan que cómpre crear unha industria que lles engada valor. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 284.

O 17% do territorio galego está cuberto de eucalipto. Inzou mesmo o imaxinario do rural. Nalgunhas aldeas xa distinguen entre o “eucalipto do país” e o novo. O “eucalipto do país” é o globulus, o que leva décadas entre nós, o máis común, sobre todo na costa. O novo é o nitens, que está gañando territorio a pasos axigantados no interior, máis resistente ás xeadas.

 

Tal é o ritmo de expansión do nitens que no borrador do novo Plan Forestal a Consellaría de Medio Rural -pese a recoñecer a necesidade de limitar o eucalipto- admite que conquistará 25.000 hectáreas máis.

 

Asemade, a Xunta promete que vai pór límites ao eucalipto. O certo é que límites xa hai, pero o Goberno non os fai cumprir. O Plan non inclúe a moratoria a novas plantacións que estabeleceu Portugal e reclama a Iniciativa Lexislativa Popular Cousas de Raíces. Esta ILP contra a “invasión do eucalipto”, promovida inicialmente por ADEGA, e a que se sumaron ducias de colectivos, xa recolleu miles de sinaturas en defensa dun “monte diversificado e multifuncional” e está a organizar coloquios por todo o país.

 

Que di a Xunta?

 

O argumento da Xunta é que o eucalipto é o activo máis importante actualmente do monte polo que, ante a falta de alternativas, “non é posíbel reducir a súa ocupación actual con carácter retroactivo”. Hai alternativas que proporcionen ás persoas propietarias do monte uns ingresos dignos e ademais deteñan a eucaliptización? Hainas, e ben coñecidas.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques habituais]