Caderno de Verán

Víctor Pérez, presidente das empresas de xardinería: "A Covid-19 deulle valor ao coidado de xardíns"

Pérez pide que se consuma planta producida na Galiza (Foto: Cedida)
O máximo dirixente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) sostén que a xente copia o nivel de coidado dos xardíns e zonas verdes que detecta nos espazos públicos coidados polas administracións

Que traballo desenvolve a Asociación Galega de Empresas de Xardinaría (Agaexar)?
Está para apoiar todas as empresas e autónomos do sector dedicados a facer traballos de xardinaría ou relacionados co medio ambiente. Principalmente, facemos cursos de formación enfocados ás e aos traballadores que queiran mellorar a súa formación, demostracións de provedores con maquinaria, acudimos a feiras e eventos para estar ao tanto das novas tendencias... E tamén servimos de enlace coa Administración.

Tamén están detrás do certame Vilas en flor.
Somos organizadores conxuntamente coa Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor). O proxecto xurdiu hai anos en Francia e fóronse adherindo outros países. No Estado español comezouse por Catalunya e, logo, sumámonos outras asociacións.  

Vista a ansia dos concellos por participar, detectan unha maior preocupación polo paisaxismo?
Comézase a ter en conta o coidado das zonas verdes nos concellos e valórase máis. A crise da Covid-19 axudou a que a xente lle apreciase máis o coidado destes espazos e dos xardíns. Aínda así, queda moito por facer, pois respecto a outras zonas como Portugal ou o Reino Unido estamos culturalmente un pouco máis atrás. Alí teñen máis implantada a cultura dos xardíns. 

Fala de traballos máis serios en terreos públicos ou privados?
Dos dous porque, ao final, van da man. Se os xardíns públicos non están ben conservados, os privados vai ser un reflexo. A xente ten que ver o paisaxismo na rúa e pensar que o quere para a súa casa.

O verán é unha época de máis traballo no sector?
En xeral, non nos inflúe a época. A xardinaría ten diferentes tipos de labores como a plantación e coidado de xardíns na primavera e no verán e despois hai poda, hai rozas...

Estase a apostar máis na planta autóctona?
Plantas autóctonas temos moi poucas. Levamos séculos empregando algunhas que veñen de fóra como os magnolios e as camelias, que xa se consideran autóctonos, cando non o son. O que promovemos é que se empregue planta producida aquí.