[VÍDEOS] Viches algunha vez un xibardo? Un espécime suca estes días o mar en Estaca de Bares

Imaxe dun xibardo en Australia. (Foto: Europa Press)
O exemplar deixouse ver durante varias horas.

Na Galiza, cun extenso pasado no sector baleeiro, cada vez é máis estraño atoparse con exemplares deste gran mamífero acuático fronte ás nosas costas. Porén, seguen sendo varios os testemuños de turistas ou de mariñeiros que cada ano se poden ler nas redes.

Neste caso, un usuario de Twitter compartiu un vídeo dun xibardo ou balea xibardo, fronte á liña de costa de Estaca de Bares. Nos vídeos que gravou esta persoa, pode verse o animal “saltando” entre as ondas do mar para volver a mergullarse na auga.

“Estivo saltando e golpeando o mar coa cola durante dúas horas”, explicou nun segundo chío, no que tamén compartiu outro vídeo da balea.

A imaxe compartida por este usuario tivo unha importante repercusión nas redes sociais, con máis de 33.000 reproducións e 764 “gústame”. Mesmo outro usuario de Twitter, que comentou no chío inicial, especulaba coa posibilidade de fose o mesmo xibardo que días atrás foi avistado fronte ao municipio asturiano de Llanes.

A balea xibardo

A balea xibardo, Megaptera novaeangliae, é unha das variantes máis coñecidas de balea a nivel mediático. Cunha lonxitude aproximada de 17 metros e un peso de até 40 toneladas, non é das baleas máis grandes que existen, mais segue sendo impoñente comparada co ser humano.

O seu elemento físico máis característico é o seu lombo, que ten unha forma semellante á dunha xiba (de aí o nome de xibardo). Adoitan ser animais solitarios, aínda que soen acompañar outros grupos de cetáceos, sen chegar a estabelecer contacto con eles.  

Os xibardos son unha especie protexida desde 1967. No ano 2008, os biólogos estimaban que a poboación de exemplares variaba entre os 30.000 e os 65.000 exemplares.