Vicepresidencia gasta 173.600€ en fomentar a maternidade a través de entidades como RedMadre

Autocarro da RedMadre para xuntar sinaturas contra o aborto [Arquivo SG]

As axudas e subvencións a "entidades de iniciativa social" para este 2013 supoñen máis unha chiscadela da Xunta do PP a organizacións antiabortistas. Así, RedMadre, impulsora da Lei de apoio á muller embarazada e da Lei de Familia que Feijóo aprobou en 2009 e 2011, recibe máis de 60.000 euros para gastos de persoal.


A secretaría xeral de Igualdade destinou este 2013 un total de 173.599 euros para fomentar a maternidade financiando organizacións de apoio a mulleres grávidas ou lactantes ora confesionais ora abertamente declaradas antiabortistas.

Así, a RedMadre, impulsora da Lei de apoio á muller embarazada que o PP aprobou en 2009 e da Lei de familia que o mesmo partido impulsou en 2011, recibe máis de 60.000 euros para cubrir os seus gastos de persoal. No concreto, o departamento que dirixe Susana López Abella e que depende de Vicepresidencia adxudicou 22.540 euros á delegación desta entidade en Pontevedra; 34.659,28 á da Coruña; e 3960 á de Ourense. A de Lugo non levou nada por presentar a documentación fóra de prazo.

Con todo, non é esa a única entidade de apoio ás grávidas que recibe cartos de Igualdade. A secretaría xeral repartiu tamén 5.021,54 euros á asociación Rexurdir, que describe como "de atención integral a mulleres xestantes". Até 27.621,63 euros foron parar a Ecos do Sur para o financiamento dun "programa de apoio a nais".

Outros 10.300 euros son os que recibirá a asociación Ayuda a la vida. Con 8.859,76 euros poderá afrontar o "incentivo dun posto de traballadora social" a asociación Dignidad, de "acompañamento social a mulleres xestantes e lactantes con fillos menores de 3 anos". E, por derradeiro, López Abella aprobou unha partida de 12.300 euros en axudas para o proxecto 'Madre', da asociación Alar. Contra o aborto están tamén as organizacións Betanía de Jesús Nazareno (recibiu 40.000 euros) e Hijas del Divino Cielo-Rogacionistas (recibiu 8.337 euros).

A saúde sexual e reprodutiva das mulleres, en mans da Igrexa

Hai seis meses, a secretaría xeral de Igualdade editaba a súa guía de atención a mulleres grávidas. Red Madre, Congregación Hijas del Divino Siervo, Rebaño de María, Cáritas, Residencia de las Siervas de la Pasión, Betanía de Jesús el Nazareno ou Dignidad son algunhas das organizacións que integran a rede paralela de centros privados financiados con fondos públicos que nesa guía impulsa a Xunta de Galiza para atender a saúde sexual e reprodutiva das mulleres.

Por esa altura coñecíase o desmantelamento dos centros de planeamento familiar (COF), como o do Ventorrillo na Coruña, ao non cubrir as xubilacións do cadro de persoal, nomeadamente as vagas de xinecoloxía.