Turismo

As viaxes do Imserso, á venda esta quinta feira: aquí todo o que precisas saber

Pódense reservar entre tres e nove noites de estadía. (Foto: Nós Diario)
Os prezos desta tempada varían segundo o destino e o número de noites —entre tres e nove— e oscilan entre os 124 euros e os 435 euros, incluíndo aloxamento, pensión completa e transporte.

A comercialización das viaxes do Imserso para a tempada 2023-24 comezará esta quinta feira, 26 de outubro, cun total de 886.269 prazas no conxunto do Estado español, 70.000 máis que na edición anterior, tras a adxudicación final dos tres lotes do concurso á compañía Ávoris Corporación Empresarial. En concreto, as persoas usuarias residentes na Galiza, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Catalunya, Balears, Canarias, A Rioxa, Nafarroa, Euskadi e a Ceuta poderán comezar a reservar as súas viaxes a partir desta quinta feira se son acreditadas preferentes, e desde a sexta para as acreditadas non preferentes.

Posteriormente, a partir do 2 de novembro ábrese a posibilidade de reservar as viaxes que quedasen sen comercializar de calquera provincia. Ademais, desde o pasado 4 de outubro comezou o envío das cartas para confirmar a acreditación coa que poderá reservar as viaxes do concurso de Turismo Social da seguinte tempada. Cada día envíanse arredor de 200.000 cartas, até un total de 2.697.264 misivas que chegarán a 4.219.157 beneficiarios e beneficiarias durante este mes de outubro.

Por tanto, as e os usuarios poderán reservar a súa viaxe para destinos de costa peninsular, costa insular ou turismo de escapada a través da páxina web de Turismo Social (Avoris), co seu DNI e a súa clave de acreditación ou en calquera das axencias de viaxe autorizadas só co DNI.

Destinos e prezos?

Os prezos desta tempada varían segundo o destino e o número de noites —entre tres e nove— e oscilan entre os 124 euros e os 435 euros, incluíndo aloxamento, pensión completa e transporte. No lote de costa peninsular, as estadías en Andalucía, Catalunya, Murcia e País Valencià con transporte supoñen un prezo de 290,07 euros para nove noites e de 228,93 euros para sete. No caso de non incluír transporte, as nove noites ofértanse por 253,65 euros, e as sete, por 210,72 euros.

Para as illas, as viaxes a Balears con transporte son por 331,49 euros e 267,63 euros para estancias de nove e sete noites, respectivamente, mentres que sen transporte o prezo supón 253,77 euros e 210,47 euros. En canto a Canarias, as estancias de nove noites con transporte custan 435,95 euros e as de sete, 355,30 euros. Sen transporte, viaxar ao arquipélago inclúen un prezo de 253,65 euros e 210,39 euros, respectivamente.

Para o último lote, turismo de escapada, os prezos son os seguintes: circuítos culturais —cinco noites e 293,16 euros—, turismo de natureza —catro noites e 286,82 euros—, capitais de provincia —tres noites e 124,68 euros— e Ceuta ou Melilla —catro noites e 286,82 euros—.

Lotes, prazas e novidades

O novo programa inclúe unha suba de prezos de 7,5% e 70.000 novas prazas, até as 886.269, cun orzamento un 14% superior, uns 300 millóns de euros máis, entre outras novidades. Ademais, a duración do contrato esténdese do 1 de setembro de 2023 ao 31 de agosto de 2024. Dos tres lotes que compoñen o programa, o primeiro contará con 443.887 prazas, mentres que o de costa insular estará con 230.039 e o número 3, de turismo de escapada e procedencia europea, con 212.343 prazas.

En canto ao prezo por lote, alcanzará os 32,08 millóns de euros, 24,01 millóns de euros e 15,52 millóns de euros, respectivamente. Aliás, o aumento de 70.000 prazas estará destinado ao lote 3, que chegará ás 212.343 prazas, mentres que o lote 1 (443.887) e 2 (230.039) manterán o seu número actual.

As viaxes do Imserso incorporarán todo o territorio do Estado español, cun turismo "máis adaptado aos desexos das persoas maiores de agora", con dez novos circuítos culturais, 19 novos roteiros de natureza (Serra Nevada, o Canón do Río Lobos, etcétera) e un incremento das prazas con habitación de uso individual, que pasarán do 2% ao 10%.