Unha viaxe por Galiza e polo mundo para acender os sentidos

Vista da ría de Pontevedra

A asociación cultural O Galo organiza en Santiago de Compostela o seminario Mundos/Galiza para descubrir os recursos naturais e culturais do noso país

Ao longo de dúas sesións, o escritor Lois Diéguez debullará Galiza a través da súa impronta en países “do Vello Mundo” e a través de si propia. As persoas asistentes poderán coñecer, de forma gratuíta, daquela riqueza cultural do país e da súa capacidade “para xerar turismo de calidade”, informan desde a propia organización do evento. O obradoiro terá lugar ás 18:30 horas, nas cuartas-feiras 23 e 30 de maio no centro sociocultura do Ensanche.

 

En ambas palestras, de hora e media de duración, haberá imaxes, vídeo, música, extractos orais ou cinematográficos “que axuden á vivencia das emocións e á comunicación entre as asistentes”. O percurso do primeiro día amosará o itinerario de Inés de Castro, o túmulo neolítico de Bru Na Boinne (Newgrange, Irlanda), a Festa del Foc (La Vall de Boí, Catalunya), o túmulo tracio de Kazanlak (Bulgaria) e o itinerario Exeria (Palestina e Exipto). No segundo día, o público poderá gozar cunha viaxe sensorial e emocional ás Fachas de Castelo (Taboada), cos miradoiros da Ribeira Sacra, o Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón) e a Catedral de Santiago.

 

Aquelas persoas interesadas poden formalizar a sú inscrición no enderezo ogalo.ac@gmail.com, onde deberán indicar o seu nome, apelidos, DI, teléfono de contacto e correo electrónico. O número de prazas é limitado, e terán prioridade as socias da propia AC. O Galo. Ademais, posteriormente ao obradoiro, a organización fará unha viaxe por Galiza ou Portugal ao lugar escollido polas asistentes.