Viana do Bolo e o seu entroido ancestral

Esta quinta-feira de comadres, a lardeira únese o seu compañeiro nunha xornada de algarabía colectiva. A localidade vianesa entra no clímax do seu carnaval, o máis antigo da bisbarra, facendo gala dunha miríade de figuras típicas e moita música. Os fulións levan desde a anterior semana percorrendo as diferentes parroquias do Concello e acabarán por se xuntar nunha grande festa no martes de entroido, cando lardeiro e señora serán queimados para o goce do público.

“Calquera que traia un bombo, unha gadaña ou algo pode incorporarse ao fulión en calquera momento, acollémolo cos brazos abertos”, anima Secundino Fernández, alcalde de Viana do Bolo. O rexedor ilustra así o carácter participativo do entroido vianés, que comeza en reis e move todas as parroquias do Concello. “A xente das aldeas sae en fulión todas as fins de semana e fan ceas ou van visitarse unhas a outras até que a semana do domingo corredoiro xa empezan a saír todos os días”, engade Fernández.

 

Amais da figura do fulión –banda armada con bombos e diversos aparellos de labranzas que tocan ritmicamente e provocan balbordo nos desfiles–, o entroido de Viana do Bolo é considerado como un dos máis ancestrais da Galiza polas súas figuras características destas datas, que toman a súa máxima expresión no boteiro. Armado cunha máscara de madeira maciza que sostén unha pantalla feita de ferro e papel de seda –nomeadamente representa figuras como serpes ou sapos–, o boteiro pode chegar a cargar con até 10 quilos na súa cabeza. “O traxe supón un grande labor artesanal, a súa camisa é de cinta de raso e pode levar até mais dun quilómetro de tea”, puntúa Secundino.

 

Estas figuras, dun matiz esencialmente sinistro mais que alegre ou festivo, visten unhas esquilas –pequenas campaíñas colgadas do cinto– e chimpan e asustan locais e visitantes durante o entroido. “A xente que vai no boteiro sempre viste o traxe con respecto, porque non é un disfrace, é cargar con séculos de historia, lévase dentro e vívese moi intensamente”, explica o alcalde.

 

Guerra entre xéneros

 

Durante esta quinta-feira, xoves de comadres, as mulleres serán as únicas que poderán tirar fariña contra, por suposto, todo aquel home que se atreva a poñerse a tiro. A noite anterior, son eles quen as perseguiron para roubarlles unha prenda que colocar na lardeira, boneca que representa unha muller e que será colocada ao carón do seu equivalente masculino, o lardeiro.

 

Como é claro, o entroido de Viana do Bolo goza dunha grande riqueza de imaxes. Outro exemplo disto é a mula, na que unha persoa representa a criatura homónima e é guiada por outra persoa, que trata de controlar as turras do animal contra a xente. Esta acostuma aparecer tamén en desfiles como os deste domingo gordo, no que se reúnen carrozas, boteiros e todos os fulións do concello. “Amais do desfile, que dura arredor de tres horas, o domingo é o día mais espectacular para a xente de fóra: lese o pregón e celébrase a Festa da Androlla, unha das festas gastronómicas máis antigas de Galiza, na que o produto estrela é este embutido do porco. Chegan a reunirse máis de mil persoas”, detalla Secundino Fernández.

 

O clímax da festa

 

Após o domingo gordo, a celebración continúa na segunda feira cun entroido infantil e na terza feira co martes de entroido, no que se alcanza o clímax deste ciclo festivo cun grande desfile e coa queima dos lardeiros, colgados desde hai días na Praza Maior da Vila. Logo da cea, saen todos os fulións e xúntase na praza. Centos de bombos tocan continuamente, desde que entran até que prenden os lardeiros –cargados no seu interior de petardos ou outros materiais explosivos–, e continúan até que se apagan. “É un momento que pon a pel de galiña, o son continuo e repetitivo xunto coa visión do lume é un espectáculo que só pode verse e sentirse”, afirma Fernández.

 

Centos de bombos tocan continuamente, desde que entran até que prenden os lardeiros –cargados no seu interior de petardos ou outros materiais explosivos–, e continúan até que se apagan.

 

Como ben apunta o rexedor, o entroido en Viana do Bolo é algo “que se leva nos xenes” e ultrapasa “calquera cuestión cultural”. Como toda tradición, para vivila cómpre mergullarse nela e vivila en primeira persoa. “A xente de Viana leva isto desde pequeniña, é unha cousa que vives dunha forma moi especial, pasas todo o ano esperando polo entroido e cando chega séntelo cunha forza tremenda”, conta.

 

Só queda pois convidar toda aquela persoa amante do entroido, da festa, do ruído e da tradición máis popular a achegarse a Viana do Bolo durante estes últimos días nos que o carnaval bota ao aire os últimos fogonazos de troula.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]