Viana do Bolo pide a Dolce & Gabbana que recoñeza que o seu boteiro inspirou a colección primavera-verán

Boteiros. Foto: Turismo.gal

O alcalde da localidade dirixiulle una carta a Dolce & Gabanna, que nos seus últimos deseños emprega a figura emblemática do entroido desa zona.

Nunca unha colección de Dolce & Gabbana xerara tanta sorpresa e abraio en Galiza. Sobre todo en Viana do Bolo e comarca. No desfile de presentación da  colección primavera- verán 2018 de D&G modelos con vestiario cunha grande similitude ao que luce O Boteiro, figura emblemática do entroido de Viana percorreron a pasarela. “Todas as veciñas e veciños que viven o Entroido e que o senten quedaron perplexos ao observar as imaxes das modelos con eses traxes de Boteiro. Non só polo seu colorido, senón tamén polo seu deseño de figuras e pola forma de facelas (cintas de raso plisadas e “fruncidas”)”, explica o alcalde, Secundino Fernández, nunha carta que vén de remitir a D&G.

 

Unha misiva na que o rexedor explica a D&G que O Boteiro “constitúe un ben cultural, e é o sinal de identidade máis importante do noso concello. Trátase dun capital cultural intanxible e dun coñecemento cultural colectivo que se transmite de xeración en xeración do que nos sentimos orgullosos e que respectamos como o que é, a nosa cultura”.

 

Secundino Fernández afirma que “o desgusto de Viana do Bolo, da veciñanza foi grande cando nin tan sequera se mencionou a orixe da “inspiración”. Non se mencionou, nin se recoñeceu a esta figura centenaria da nosa tradición, nin as artesás que elaboran as camisas e que mantiveron esa tradición, que pasa fundamentalmente de nais a fillas”

 

Por este motivo, a través desta carta o alcalde Viana pide a D&G que recoñeza publicamente “que é o noso Boteiro a fonte de inspiración dos seus deseños”. Ao tempo, convida os deseñadores a visitar o concello para gozar do Entroido.

 

“Tamén e como feito de desagravio e como mostra de hospitalidade convidámolos a mostrar esas creacións inspiradas no “Boteiro” en Viana do Bolo", conclúe a misiva.