Viana do Bolo acollerá a única mina de coltán de Europa após a aprobación da Xunta

Mina de Penouta, en Viana do Bolo. (Foto: Nós Diario)
Na mina de Penouta traballa a empresa promotora Strategic Minerals Spain, unha compañía de capital mixto español-estadounidense instalada desde 2018, que retomou o traballo nunha planta abandonada desde 1985, despois de estar ao cargo das empresas do grupo  Rumansa durante varias décadas.

A Xunta acaba de dar luz verde a outorgar o pase a concesión de explotación de recursos da sección C de  Penouta, no concello de Viana do Bolo. Trátase da única mina de coltán existente actualmente en Europa.

Así figura nunha resolución asinada pola directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula  Uría, que recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG) esta segunda feira.

Na mina de Penouta traballa a empresa promotora Strategic Minerals Spain, unha compañía de capital mixto español-estadounidense instalada desde 2018, que retomou o traballo nunha planta abandonada desde 1985, despois de estar ao cargo das empresas do grupo  Rumansa durante varias décadas.

Antes da chegada á Penouta, a compañía xa levara a cabo unha serie de sondaxes previas desde 2011. Nun primeiro momento dedicouse á extracción de tantalio e niobio, os dous metais que compoñen o coltán e que até o momento extraían da denominada sección B.

Nova zona de explotación

A empresa suma así unha nova zona de explotación, cunha extensión de 150 hectáreas, onde os traballos terán unha duración de 30 anos, prorrogábeis até un máximo de 75 anos, a completar en seis fases de cinco anos cada unha.

O informe técnico favorábel do Servizo de Enerxía e Minas recolle que as reservas calculadas son de máis de 100 millóns de toneladas de mineral susceptíbeis de ser explotadas. Co plan inicial de 30 anos prevese que se extraia 50% do coltán.

A previsión de investimentos é de 40,5 millóns de euros. Só o primeiro ano, os traballos que se leven a cabo terán un valor de 1,6 millóns. O Goberno galego sostén que a compañía "goza dun estado de solvencia económica aceptábel".

O DOG tamén recolle que o Executivo galego fixa un aval á empresa por 3,2  milllóns euros, que se divide en 1,6 millóns tanto para o cumprimento de obrigacións de financiamento e viabilidade ambiental como para o cumprimento do plan de restauración.

Críticas dos ecoloxistas

A mediados do ano pasado, Ecoloxistas en Acción pediu que se denegase a concesión da mina de coltán porque implicaría "a continuación de verteduras directas con altas concentracións de metais pesados sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000".

Os ecoloxistas alertaban de que a mina "é un gran foco de contaminación" tanto polas características "xeoquímicas do xacemento como polo incumprimento, por parte das sucesivas concesionarias e das administracións, das súas obrigacións en materia de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras".

 A organización reiterou a queixa en xaneiro de este mesmo ano e de novo en abril, cando criticaron que a explotación "continúa acumulando expedientes polas verteduras de metais pesados,  vertendo en regas da zona".

Os ecoloxistas lamentan que a situación "empeora" porque o "reprocesado dos materiais das antigas balsas non era máis que unha tapadeira" para garantir a obtención dos dereitos para a explotación ao descuberto, a sección C, coa que aseguran que a contaminación sobre a contorna de Pena Trevinca será "devastadora".