Aparece nos papeis de Bárcenas

A ponte caída na A-6 construíuna unha unión de empresas da que facía parte FCC

Treito afundido da ponte da A-6 ao seu paso por Pedrafita. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A caída dun viaduto na A-6 continúa marcando a actualidade. Mentres o delegado do Goberno español na Galiza solicita “non especular” coas causas do sinistro, desde a oposición reclaman explicacións ao Executivo estatal. Mentres tanto, unha das construtoras da obra, FCC, garda silencio.

O 31 de xullo de 2002 ficaron abertos ao tráfico a totalidade dos tramos da A-6, após 10 anos de obras e múltiples protestas sociais polos atrasos nos diversos traxectos. A actuación, nalgunhas partes moi complicada pola orografía do terreo, foi executada na maioría dos treitos polas grandes empresas madrileñas da obra civil. Neste sentido, significáronse nos traballos dos tramos galegos e bercianos da autovía empresas como ACS, Sacyr, Acciona ou FCC, nalgúns casos en solitario e na maioría facendo parte de unións temporais de empresas (UTE) con outras compañías.

Un dos treitos máis complexos tecnicamente da A-6 foi o tramo que discorre de Castro Lamas, no concello berciano de Veiga de Valcarce; a Noceda, no concello galego de Pedrafita do Cebreiro. O traxecto, de arredor de 10 quilómetros, obrigou a furar dous túneles que no seu conxunto sumaron practicamente 1.000 metros lineais e a erguer cinco viadutos para salvar os desniveis dos terreos de entrada á Galiza administrativa. Asemade, os traballos obrigaron a mobilizar unha gran cantidade de man de obra e numerosa maquinaria, que no momento foi presentada como de última tecnoloxía.

Unha baixa ao límite

O Boletín Oficial do Estado (BOE) de 26 de xuño de 1997 recolleu a adxudicación do treito da “Autovía do Noroeste na CN-VI de Madrid á Coruña, puntos quilométricos 428 a 438. Tramo Castro Lamas Noceda”. A obra foi licitada por 20.265.154.377 pesetas e adxudicada, finalmente, por unha contía de 15.253.581.695 pesetas, cunha rebaixa sobre o prezo inicial de, practicamente, 25%. Fontes do sector indican a Nós Diario que “a oferta á baixa presentada pola concesionaria é moi importante e ese diñeiro nalgún lugar da obra se aforra”.

A empresa adxudicataria da obra foi unha Unión Temporal de Empresa (UTE) conformada por “Fomento de Construcciones y Contratas, Sociedad Anónima”, “OCP Construcciones, Sociedad Anónima” e “FCC Construcción, Sociedad Anónima”. A UTE executou o encargo nun período de tempo relativamente curto, levantando dentro do mesmo o viaduto actualmente caído. A comezos de 2017, os responsábeis das estradas do Estado detectaron un importante deterioro da ponte, contratando a realización de diversas actuacións de mantemento.

FCC mantén silencio

Nós Diario púxose en contacto con Fomento de Construcciones y Contratas para coñecer a súa opinión sobre as causas do sinistro. Así preguntou á construtora “que valoración fai FCC, en canto empresa construtora da ponte de Castro en Pedrafita de Cebreiro na A-6, sobre as causas da caída do mesmo”, respondendo a mercantil que “grazas por contactar con nós. Non facemos ningún tipo de aclaración”. Ao tempo, o Ministerio de Infraestruturas tamén negou a Nós Diario información sobre a sociedade que ergueu a ponte de Castro na A-6.

Fomento de Construcciones y Contratas, coñecida pola súa siglas FCC, era propiedade naquela altura de Esther Koplowitz, sendo na actualidade o seu máximo accionista o multimillonario mexicano Carlos Slim. Pola súa parte, FCC Construcción, outras das mercantís que participou nas obras, non é máis que a división de infraestruturas de FCC, partillando donos coa súa matriz.

Os papeis de Bárcenas

FCC é unha compañía que apareceu en diversas ocasións relacionada coas tramas de financiamento irregular do PP. Sen ir máis lonxe, o antigo presidente da compañía, José Mayor Oreja -irmán de Jaime Mayor Oreja, ministro de Interior de Aznar e candidato do PP vasco- após aparecer citado en diversos apuntamentos nos papeis de Luis Bárcenas recoñeceu diante do xuíz da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, ter realizado diversas doazóns ao Partido Popular.

A empresa construtora apareceu sinalada tamén na contabilidade 'B' do PP galego. Segundo un informe elaborado en 2006 polo xerente do PP na Galiza, Modesto Fernández, FCC achegou á caixa dos populares galegos 108.000 euros, probabelmente para sufragar a campaña das eleccións galegas de 2005.

José Mayor Oreja

José Mayor Oreja estaba en Pedrafita o día da inauguración da ponte caída como máximo responsábel de FCC. Os anos seguintes converteuse nun habitual na Galiza, onde conseguiu importantes contratos para súa empresa. As doazóns ao PP foron parte do seu libro de estilo como directivo.