Vía Galega reivindica a vixencia do compromiso co país que exemplificaron os Mártires de Carral

Imaxe: cedida

A plataforma rendeu homenaxe a Revolución Galega de 1846 e ao coronel Solís e os seus 12 oficiais fusilados hai 173 anos. O acto realizouse esta sexta feira após a denegación de permiso por parte da Xunta Electoral Provincial para que se fixese o sábado, xornada de reflexión.

“Cremos que 173 anos despois, moitos dos motivos que levaron a aquela Revolución Galega de 1846 continúan estando vixentes: seguimos a ser un país sen poder decidir sobre gran parte das cousas que nos afectan, continuamos a ser un país que exporta man de obra, e agora tamén enexía, aforro...”. Suso Seixo, membro da portavocía nacional de Vía Galega, reivindicou esta sexta feira ao pé do monumento aos Mártires de Carral a actualidade do compromiso dos protagonistas dun levantamento que Justo Beramendi define como “mito fundacional do galeguismo”. "Un movemento que se opuxo firmemente a un proceso de forte centralización e na que se negaba o carácter nacional de Galiza", indicou o portavoz de Vía Galega.

 

Vía Galega. Mártires de Carral. 173 Aniversario. Así rezaba a banda do ramo de flores que a Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza Vía Galega depositou esta sexta feira no monumento de Carral erixido en 1905 en memoria do coronel Solís e dos seus 12 oficiais fusilados polo exército absolutista. Seixo lamentou a decisión da Xunta Electoral de denegar a realización do acto o sábado alegando que existía risco de que na mobilización “se produzan actos de campaña electoral que poidan incidir no exercicio do dereito de voto". “Non convocamos o acto para iso”, explicou Seixo, senón para homenaxear” e “dar a coñecer” un “feito histórico importante para a historia de Galiza”.

O acto contou coa presenza, entre outras persoas, de Antón Laxe, da Fundación Manuel María; María Xosé Bravo, da AC Alexandre Bóveda e candidata nº2 do BNG ao Congreso pola Coruña, ou de Uxío-Breogán Diéguez, doutor en Historia e director da rexista ‘Murguía’.

 

Vía Galega indice na importancia de dar a coñecer á sociedade galega os acontecementos de 1846, nos que unha sublevación popular e militar deu lugar á Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza, "fronte á política centralista española e reaccionaria capitaneada polo xeneral Narváez. Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou, en clave nacional galega e progresista, combates contra as tropas enviadas polo Goberno español absolutista".