Vía Galega quer que o Parlamento “tome en serio” a “sangría” da emigración

Presentou no Rexistro unha proposta aos diferentes grupos parlamentares e incide en que “estamos perante un problema grave para o país”.

 

Unha delegación de Vía Galega presentou no Rexistro do Parlamento galego un escrito dirixido aos grupos parlamentares para que o problema da emigración sexa debatido e  tratado na Cámara. A Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza propón que o Parlamento considere a emigración como “un drama social e nacional” e que cree un “relatorio sobre a emigración galega” para que, “no prazo de 5 meses”, popoña actuacións e políticas ao respecto. A deputada do BNG, Montse Prado, acompañou a delegación.

Vía Galega considera que deben de ser “eixos” destas políticas “a defensa da base produtiva”, a “creación de emprego digno e de calidade” ou o “desenvolvemento de políticas sociais”, entre outras.

Anxo Louzao, un dos voceiros da plataformas, afirma que a emigración “non é só un drama persoal”, senón que tamén é un drama “social e nacional”, unha “sangría” que prexudica o país. Nesta liña, afirma que na ´última década tiveron que marchar da Galiza por volta de 260.000 persoas entre 16 e 50 anos de idade. Delas, unhas 80.000 tiñan entre 16 e 29 anos.

“O devalo do noso país en todas estas décadas é innegábel”, manifestou, poñendo como exemplo que a principios do século XX galegos e galegas eramos 10,6% da poboación do estado mentres que actualmente somos 5,6%. Igual pasou coa densidade de poboación, acrecentou, que de ser a comezos do S. XX superior á media española hoxe en día fica por baixo. Dados que evidencian, apunta Louzao, como a emigración pasa factura.

E a emigración, explicou, non xorde da nada. “Somos un país rico, próspero”, polo que a emigración deriva, dixo, da situación de subordinación do país aos intereses de “oilgarquías españolas e da UE”. Louzao apelou á necesidade da soberanía, “de gobernar nós a nosa Terra”, para ir poñendo fin á marcha ao estranxeiro da mocidade en procura de traballo.

Campaña

A finais do pasado mes de outubro representantes de Vía Galega presentaron no Rexistro da Xunta unha moción dirixida aos concellos na que instan a defender e pular por políticas “que atallen a emigración”. A iniciativa enmárcase na campaña "Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno", que Vía Galega presentou recentemente na capital galega.

A moción xa foi debatida e aprobada en concellos como o de Ferrol e Narón. A Plataforma vai convocar o vindeiro 14 de decembro concentracións diante de concellos galegos para protestar contra a sangría migratoria.

Un total de 30.249 persoas marcharon da Galiza en 2017, último ano con rexistros. Máis de 80 cada día. Dese total, 18.380 galegos e galegas fixérono con destino a outro territorio do Estado español (1,95% menos que no ano anterior) e 11.869 ao estranxeiro (10,03% máis que en 2016). De por parte, a Galiza chegaron 36.932 persoas, aumentando en 21% as que chegan do estranxeiro e 6,14% as doutras autonomías.

Nas táboas do IGE hai un desglose dos e dos destinos das emigrantes galegos a outros territorios do Estado. Madrid e Catalunya continúan sendo os principais focos de recepción. Case 5.500 galegos e galegas deixaron en 2017 o país tendo a capital do Estado como destino, mentres que 2.468 foron a Catalunya. Canarias (2.215 galegos e galegas emigradas) e Andalucía (1.712) configuran os catro principais destinos españois da emigración galega.