Vía Galega presentou en Ferrol a súa aposta na defensa dos dereitos nacionais de Galiza

via galega

A Plataforma social polos dereitos nacionais de Galiza Vía Galega presentouse publicamente en Ferrol na dinámica de socializar a entidade polas diferentes comarcas do país. Suso Seixo, ex secretario xeral da CIG, presidente da Fundación e portavoz da plataforma, Lidia Romero, A.C. Xebra-Narón; e Bruno Lopes Teixeiro, da Fundación Artabria, foron os encargados de explicar ao público as chaves da plataforma, presentada publicamente en Compostela o pasado 3 de marzo, coincidindo cos 162 anos do Banquete de Conxo, co arroupe de máis de 200 persoas. Após a capital de Galiza, a plataforma presentouse na Coruña e esta quinta feira fíxoo en Ferrrol, no C.C Carvalho Calero.

 

‘Somos unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz’ é o título, toda unha declaración de intencións, do manifesto de Vía Galega, que se deu a coñecer no acto. A plataforma –integrada por fundacións, entidades, centros sociais, asociacións e colectivos- nace para sumar forzas na defensa dos dereitos nacionais e sociais de Galiza. Nesta liña, fíxose fincapé no actual escenario do estado español, cun proceso de recentralización en marcha e de couto de liberdades e deritos civís, coa súa máxima visibilidade en como fai fronte o estado ao proceso catalán.

 

Vía Galega pretende realizar presentación da plataforma nas diferentes partes do país. En paralelo, estase a elaborar unha Carta de dereitos do pobo galego, cuxa aprobación e presentación decorrería nunha asemblea nacional o 17 ou 18 de novembro en Lugo, coincidindo cos 100 anos da Asemblea Nacionalista e da aprobación do Manifesto, un acto que podería rematar cunha gran mobilización nacional.