Vía Galega leva até a USC a campaña "Galiza nación, un pobo con dereitos"

Imaxe de arquivo da presentación da campaña (Foto: Nós Diario)

Acto público esta terza feira na Facultade de Historia.

 

A Plataforma Vía Galega organiza un coloquio aberto ao público na Universidade de Santiago de Compostela ao fío da campaña "Galiza nación, un pobo con dereitos". O acto será esta terza , día 16, ás 19:00 horas na Facultade de Xeografía e Historia. Nel, e para alén da proxección dun vídeo documental, terán lugar as intervencións de Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre; de Pablo Carracedo "Jasper", vocalista de Nao; e María Alonso, de Erguer-Estudantes da Galiza.

O obxectivo da campaña "Galiza nación, un pobo con dereitos" consiste, explica Vía Galega, “en que se asuma con naturalidade e consciencia a realidade de que Galiza é unha nación, con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións”.

Persoas referentes da sociedade galega participaron tamén nesta campaña mediante a gravación de cadanseu vídeo para explicar como perciben que Galiza é unha nación. Entre elas figuran Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.