Vía Galega lembra os Mártires de Carral

A forte choiva non impediu que numerosas persoas se achegasen até o acto. (Foto: Vía Galega).
Henrique del Río leu un manifesto ante o monumento que conmemora a Revolución Galega de 1846.

Vía Galega conmemorou este sábado, 27 de abril, o 178 aniversario da Revolución Galega de 1846 cunha unha ofrenda floral aos Mártires de Carral, diante do monumento aos "Mártires da liberdade" nesa localidade de Coruña, nun emotivo tributo ao que deu continuación un roteiro até o cemiterio de Paleo no mesmo municipio, onde repousan os seus corpos.

Como explica para Nós Diario Anxo Louzao, portavoz da plataforma social, unha multitude de persoas decidiu achegarse até alí a pesar dunha chovia que remitiu posteriormente. "Saíu todo ben", engade.

No antedito manifesto, ao que se encargou de dar lectura Henrique Del Río, fíxose fincape en "como nas escolas nunca falaron da Revolución Galega de 1846", incidindo en que desde entón a Galiza "arrastra unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte", mais, asegurou, "vaise levantar da súa humillación e abatemento”.

Ademais, no manifesto fíxose fincapé na "emancipación total das mulleres" e na necesidade da creación "dunha Galiza xusta de homes e mulleres en igualdade" na que se sacie a "fame de xustiza social" que padece o país. Porque, en última instancia, "poderán arrincar todas as flores, unha e mil veces, mais nunca poderán frear a primavera".

Inmediatamente despois arrancou o roteiro en dirección Paleo, parando  na Capela do Socorro, que serviu de cárcere improvisada para Miguel Solís e os seus homes.

De seguido achegáronse ao lugar onde foron "xulgados", para despois ir até a Fraga do Rei, onde os fusilaron, última parada antes de chegar ao cemiterio da igrexa de Paleo, onde están soterrados, onde se deu fin a un acto co que a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza, Vía Galega, quixo lembrar "un dos acontecementos máis relevantes da historia galega".