Vía Galega convoca manifestación nacional baixo o lema ‘Galiza nación: un pobo con dereitos’

Vía Galega, presentación da campaña 'Galiza Nación'.

O domingo 18 de abril en Compostela.

Vía Galega convoca unha manifestación nacional que terá lugar o domingo, 18 de abril, baixo o lema “Galiza nación. Un pobo con dereitos”. Sairá ás 11:30 horas da Alameda compostelá e rematará na Praza da Quintana, observando ovid-19.

A plataforma indica que esta movilización será “a culminación da campaña que ao longo de seis meses Vía Galega estivo levando a cabo por todo o país”.

"Somos unha nación. Temos o dereito e a vontade de existir politicamente como pobo soberano. Manifestémonos, o 18 de abril, en Compostela para terminar co asoballamento político, económico, social, lingüístico e cultural polo Estado español, e exixir que as galegas e galegos podamos gobernarnos a nos mesmos”.

Vía Galega indica que se editaron 15.000 folletos explicativos da condición nacional de Galiza así como 2.000 cartaces.

Para a campaña realizouse un vídeo “que define os trazos que conforman a nación galega e un percorrido histórico-reivindicativo de Galiza”, así como a gravación de 10 vídeos onde persoas referentes da sociedade galega dan a súas razóns de por que Galiza é unha nación. Entre elas,  Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.

"Con esta campaña, desde Vía Galega, pretendemos combater as mentiras da Galiza subsidiada, desterrar os complexos, desfacer prexuízos e fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro", destacaba na presentación da campaña Anxo Louzao, un dos portavoces da plataforma.