Vía Galega chama a saír á rúa o 18 de abril

Mobilización de Vía Galega o verán pasado, na véspera do Día da Patria Galega, en Ferrol.
"Galiza nación. Un pobo con dereitos" é o lema co que a plataforma social Vía Galega convoca para o 18 de abril unha manifestación nacional que percorrerá Santiago de Compostela, e coa que culmina unha campaña que nos últimos seis meses levou a cabo con máis de 25 coloquios e actividades ao longo da Galiza.

A Alameda de Santiago de Compostela será o punto de partida da manifestación que o 18 de abril reclamará os dereitos nacionais da Galiza e que convoca a plataforma social Vía Galega. Con esta mobilización a entidade pon o ramo á campaña "Galiza nación. Un pobo con dereitos" que desenvolveu nos últimos seis meses coa realización de encontros e palestras en máis de 25 concellos. "Pretendemos incidir na conciencia nacional, que sexan máis as galegas e galegos quen acrediten na Galiza como nación, no dereito de autodeterminación e na necesidade de gobernarse por si mesmos e ser donos dos seus destinos", explica a Nós Diario o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao. "O futuro", engade, "pasa por termos plena soberanía política, condición necesaria para ter unha sociedade máis xusta no social e na que a calidade de vida sexa moito maior".

 

A manifestación, deseñada para cumprir todos os protocolos anticovid-19, faise imprescindíbel, di Louzao, ante a "emerxencia do momento actual", cunha "españolización abafante e o desmantelamento industrial do país", á vez que Galiza conta cun limitado poder autonómico, que "nin sequera exerce como tal". Nese sentido, considera que nin o modelo constitucional español nin o estatuto autonómico son bos para a sociedade galega, e incide en que este marco se ve agravado ao estar á fronte da Xunta da Galiza un presidente, Alberto Núñez Feixoo, que "actúa desde unha posición de colonizado". Exemplos disto "hai a esgalla", asegura, salientando que "nun momento como actual alguén que é presidente dunha nación como a galega tería que ter, cando menos, tentado que tivésemos unha vacina para que as e os cidadáns galegos puidesen facer fronte á pandemia".

Xustiza social

"A Xunta lexisla en función de multinacionais, como se demostrou coa lei de simplificación administrativa que pon os nosos recursos ao servizo de macroempresas, como no caso da construción de parques eólicos sen ningún control", explica Louzao. Por iso insta a actuar como nación e levar a cabo actuacións "fundamentais para o benestar", que pasarían, sinala, pola "creación dunha banca publica galega, ter fiscalidade e financiamento propios, controlar e participar como país dos recursos naturais..." iso, asevera, "daría unha sociedade totalmente diferente, mais só é posíbel facelo tendo capacidade política e plena soberanía". Ese argumento partíllao o músico Pablo Carracedo 'Jásper', que ademais de ser responsábel comarcal de Vía Galega na Estrada participou en varios actos da plataforma nas últimas semanas.

"Hai unha concepción colonialista da Galiza polas grandes empresas coa conivencia da Xunta e do Estado" e "deseñaron" o modelo da Galiza "por nós", enchéndoa de eólicas, eucaliptos, empresas contaminantes nas rías...". O músico valora os actos desenvolvidos na campaña de Vía Galega como "un éxito". Ademais, na Estrada realizaron palestras e actuacións e agora están a impartir charlas sobre a historia das bandeiras do país, desde a do Reino Suevo á do Batallón Literario ou a da Patria e o escudo deseñado por Castelao. Buscan dar a coñecer o noso presente e pasado fronte ao"silenciamento da nosa historia". A comunicadora Neves Rodríguez, que lerá o manifesto final da mobilización xunto ao escritor Suso de Toro, tamén impartiu varias conferencias nos últimos días con Vía Galega.

"A globalización busca uniformarnos a todos, e para min é moi perigoso que iso se instale e que deixemos de ter os nosos sinais de identidade e de sermos nación", explica Neves Rodríguez a Nós Diario. Nos coloquios, sinala, tratou a cuestión desde o plano da comunicación e os medios públicos, avogando "por anchear o concepto de nación, abordalo desde puntos de vista transversais e que callen na sociedade" para sumar máis xente a esta causa".