A segunda feira, ás 11h, na Coruña

Vía Galega chama a participar na concentración contra a presenza do rei de España

A segunda feira, día 30, ás 11 horas perante a Reitoría da Universidade da Coruña. Alí cita a plataforma Vía Galega as galegas e galegos para protestaren ante a presenza de Filipe VI nos actos de apertura do curso universitario.

A plataforma Vía Galega chama a participar na concentración convocada a próxima segunda feira, día 30, ás 11 horas, perante o edificio da Reitoría da UDC na Coruña, contra a presenza do rei de España, Filipe VI, no acto institucional de inicio de curso académico no Estado.

A entidade convoca a concentración para rexeitar a asistencia do rei Filipe de Borbón, “representante dunha institución anacrónica, a monarquía española, que nega os dereitos do pobo galego”.

O protesto terá lugar baixo o lema “Galiza non ten Rei, avante a República Galega” e servirá para expresar que a monarquía “fai parte dun sistema inxusto, onde prevalecen os privilexios e a herdanza do franquismo, que fomenta o centralismo e a dependencia de Galiza, ademais de limitar os dereitos para o ensino público galego”, explica Vía Galega nunha nota de imprensa.

O colectivo Galiza pola República e polo dereito a decidir súmase á convocatoria e volta a reclamar "a eliminación de todos os títulos nobiliarios, nomeadamente os que honran e distinguen golpistas e franquistas. Demanda, ademais, unha condena por parte de Filipe VI dos crimes do franquismo e defende un referendo para elixir entre monarquía ou república.

Pasaporte galego e Carta de Dereitos do Pobo Galego

A plataforma Vía Galega, que integra máis 50 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ademais de organizar conmemoracións históricas, ten en marcha diversas actividades como a expedición dun pasaporte galego ou a recollida de sinaturas da Carta de Dereitos do Pobo Galego, todas elas encamiñadas á difusión do recoñecemento de Galiza como nación e á reclamación do dereito de autodeterminación.