A VI Mostra do Entroido de Lamas de Abade estará dedicada ao Entroido de Verín

Domingo de Corredoiro no Entroido de Verín

A vindeira sexta feira 22 de febreiro terá lugar en Santiago de Compostela a sexta edición da Mostra do Entroido, organizada por centros educativos da contorna de Lamas de Abade. Este ano 2019 estará centrada na figura do cigarrón e o entroido verinés. 

Unha comitiva de escolares e cigarróns verinenses desprazarase a vindeira sexta feira 22 de febreiro a Santiago de Compostela para participar na VI Mostra do Entroido que organizan os centros educativos CEIP Lamas de AbadeCIFP Compostela, Aspanaes Duques de Lugo, Escola Infantil Raiola e IES Lamas de Abade.

 

A mostra dará comezo co recibimiento por parte do alumnado da embaixada procedente de Verín composta por cigarróns e persoas disfrazadas que simularán as festas de Compadres e Comadres, así como a Banda de Gaitas do Concello de Verín. Ás 10 da mañá no Salón de actos do CIFP Compostela, Xerardo Dasairas Valsa, autor do libro O entroido en terras de Monterrei (1990), conversará sobre os antecedentes históricos, características e desenvolvemento do entroido de Verín.

 

Ás 11, a comitiva percorrerá a rúa Raiola e achegarase aos diferentes centros a modo de desfile. As actividades rematarán a mediodía, cunha degustación da gastronomía tradicional do entroido elaborada e servida polo profesorado e o alumnado dos departamentos de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias do CIFP Compostela. Todas as persoas participantes serán agasalladas cun despregábel, editado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros organizadores, con textos de Xerardo Dasairas e fotos cedidas polo Concello de Verín.

 

A Mostra do Entroido vén de celebrarse os últimos seis anos coa intención de achegar a escolares e veciñanza asistente ás características máis salientábeis dos entroidos galegos durante unha xornada escolar. A última convocatoria dedicouse ao Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada-Lugo).