Abandono conxunto da oposición

A comisión de investigación sobre a sanidade nace morta polos vetos do PP

Comisión de Sanidade do Parlamento galego

A conquista conxunta da oposición —a constitución da comisión de investigación sobre a situación da sanidade galega, cuxo detonante foi a morte dun paciente nun PAC da Estrada por falta de rápida atención médica— vai ficar finalmente en nada, após o Partido Popular impor mecanicamente a súa maioría absoluta e rexeitar as peticións de comparecencia de maior alcance formuladas quer por En Marea que polo PSdeG quer polo BNG:

Tal e como está configurado o regulamento da cámara, a oposición pode forzar a constitución dunha comisión de investigación sobre calquera materia, co límite dunha por lexislatura, mais o seu funcionamento acaba sendo sempre determinado pola forza que eventualmente detente a maioría absoluta. Neste caso, o PP.

 

As forzas da oposición eran conscientes de que o PP iría condicionar a marcha da comisión, mais non até o punto de bloquear as súas peticións de comparecencia máis significativas. Esa razón foi a que esgrimiron En Marea, PSdeG e BNG esta cuarta feira para anunciaren o abandono da comisión.

 

Da man da súa maioría absoluta o PP impuxo o nomentamento dos membros da Mesa da Comisión de Investigación e tamén o seu plano de traballo. E só se mostrou disposto, após un tira-puxa, a aceptar 20 das 80 peticións de comparecencia demandadas pola oposición. Entre elas ficaba fóra a dun irmán do paciente morto no PAC da Estrada.

 

En comunicado de imprensa, En Marea denunciou o que considera "nula vontade da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo de impulsar unha verdadeira análise das carencias do sistema sanitario", en tanto que o PSdeG manifestou, por boca do seu parlamentar Julio Torrado, que o PP vetaba precisamente aquelas comparecencias –a comezar pola do irmán da vítima da Estrada- que contradín abertamente a "versión oficial" do goberno galego sobre o estado da sanidade pública.

 

Por súa parte, Montse Prado (BNG) cualificou o comportamento do PP na falida comisión de investigación de “gravísimo, antidemocrático e humillante". "O Partido popular, novamente impide que as persoas que padecen os recortes sanitarios poidan aportar a súa experiencia no Parlamento galego", denunciou.