Veto ao cantante Kaidy Kain polas súas letras misóxinas

Imaxe de arquivo de Kaidy Kain (primeiro pola dereita). (Foto: Mucho Trap)
Xa lle foi cancelada en 2016 unha xira pola Galiza grazas á presión dos colectivos feministas.

Os Concellos de Santiago de Compostela e Mos veñen de facer pública a súa condena e repulsa aos concertos que o cantante de 'trap' Kaidy Kain realizará na quinta e sexta feira respectivamente.

No día de onte, todos os grupos municipais do Concello de Mos aprobaron unha declaración institucional para facer público o seu rexeitamento a que o cantante, coñecido desde hai anos polas súas condutas abertamente machistas e misóxinas, actúe no termo municipal.

O Consistorio acordou esta declaración institucional no mesmo pleno no que sacou adiante, tamén por unánimidade, a aprobación do IV Plan Municipal de Igualdade de Mos.

Este documento serve como base das políticas públicas que o Concello debe desenvolver para acadar a plena igualdade entre homes e mulleres, tanto en Mos como nos concellos da contorna.

"Cancións vexatorias e denigrantes"

Pola súa parte, a concellaría de Políticas de Igualdade de Santiago de Compostela, xunto cos grupos municipais do Partido Socialista (PSdeG), Compostela Aberta e Bloque Nacionalista Galego, fixeron público un comunicado no que rexeitan a actuación de Kaidy Kain na cidade, debido a que as "súas cancións son vexatorias e denigrantes para as mulleres".

Os diferentes grupos políticos aseguran que "un dos principais obxectivos do Concello de Santiago, no que existe un consenso maioritario, é fomentar os valores da igualdade entre homes e mulleres e previr a violencia de xénero".

Neste sentido, afirman que o concerto de Kaidy Kain é "contraria a estes valores, ás mensaxes que transmitimos, e ás accións que programamos coa finalidade de acadar a plena igualdade en todos os ámbitos: familiar, económico, social, educativo, cultural...".

Xira cancelada en 2016

Non é a primeira vez que a presenza de Kaidy Kain no noso país esperta gran polémica. En 2016, o misóxino cantante tivo que cancelar unha xira pola Galiza, grazas á presión exercida por varios colectivos feministas.

Naquela altura, Kain tiña pensado actuar na Sala Malatesta de Santiago de Compostela, pero os seus donos decidiron cancelalo porque non querían "ser partícipes de eventos nos que se faga uso de actitudes machistas, homófobas e racistas".

O concerto foi entón trasladado á Coruña, mais finalmente a produtora decidiu cancelalo definitivamente polo rexeitamento de colectivos feministas.