As veterinarias reclaman o status de autoridade sanitaria

As clínicas veterinarias reclaman a redución do IVE, de 21% desde 2012.
Profesionais da veterinaria da Galiza manifestáronse para reclamar unha mellora das súas condicións laborais, que segundo din, repercutirá na calidade da saúde pública. Con todo, a dignificación do seu status profesional centra o seu obxectivo. Piden o recoñecemento como autoridade sanitaria. «A sociedade queda con esa imaxe habitual das veterinarias e non reparan no labor de control que desenvolvemos nas industrias alimentarias, en matadoiros, centros escolares ou restaurantes», explica Luís Núñez, presidente do Consello Galego dos Colexios Veterinarios a Galiza.

 

A primeira mobilización colectiva das profesionais da veterinaria tivo lugar a pasada fin de semana en Madrid. Procedentes da Galiza e do resto do Estado, reivindicaron o seu papel fundamental na vixilancia e control da saúde pública, unha faceta eclipsada polo coidado que moitas profesionais lle dedican a diario aos animais de compañía e de produción.

«A sociedade queda con esa imaxe habitual das veterinarias e non reparan no labor de control que desenvolvemos nas industrias alimentarias, en matadoiros, restaurantes, centros escolares ou restaurantes», explica Luís Núñez, presidente do Consello Galego dos Colexios Veterinarios a Galiza.

A día de hoxe, na Galiza traballan unhas 3.500 profesionais. 25% son veterinarias da Administración, asignadas ás consellarías de Medio Rural, Sanidade, Mar e Medio Ambiente. 60% dedícase ao tratamento de animais vivos en clínicas privadas e porta a porta. 10% traballa para as industrias alimentarias e 5% restante, noutros sectores, como pode ser o da docencia.

Coidadoras e inspectoras sanitarias

En conxunto, encárganse do control das explotacións e das campañas de saneamento gandeiro, da inspección e control de calidade de instalacións e alimentos en orixe e procesados, máis de traballos específicos de conservación da natureza.

O seu malestar profesional foi en aumento co paso do tempo. Á falta dun convenio sectorial, uniuse «a precariedade laboral» e o misión recorrente dunhas demandas que os diferentes Gobernos levan ignorando varios anos.

Redución do IVE

Entre outras, a redución do IVE ao que deben facer fronte as clínicas de animais pequenos. En 2012 pasou de 8% xeral para todos as profesionais a 21% para as veterinarias que traballan en estabelecemento dedicados a coidar dos animais de compañía.

60% das enfermidades propias dos animais transmítense ás persoas e 75% das enfrmidades emerxentes son de orixe animal

«Isto obriga a cada veterinario a emitir unha factura diferente segundo o tipo de destinatario», sinala Núñez, «e ter unha mascota non é un luxo, é unha realidade que obriga ás súas donas a facer fronte aos gastos derivados das súas enfermidades». O perigo, engade, está en que moitas persoas reducen o número de visitas ás profesionais da veterinaria, o que aumenta o risco de zoonose.

60% das enfermidades propias dos animais transmítense ás persoas. E algunhas, apunta Luís Núñez, «teñen consecuencias moi serias para a súa saúde». E non só, o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios pon o foco nas enfermidades emerxentes que afectan a humanidade, porque «75% son de orixe animal».

Autoridade sanitaria

De aí a demanda fundamental das veterinarias: seren recoñecidas como autoridade sanitaria, ademais de lograr a mesma condición para os seus estabelecementos. «Trátase de equiparar a veterinaria con outras especialidades sanitarias, con medidas como a creación dun Veterinario Interno Residente (VIR)», afirma Luís Núñez.

A presenza dunha profesional veterinaria é crucial porque achega un coñecemento específico no caso de zoonose, en ámbitos de experimentación con animais ou de control alimentario e da saúde pública.

Neste sentido, o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, situada no Campus de Lugo, recoñece que está máis que xustificada a especialización veterinaria, «desde o punto de vista sanitario e hospitalario». A presenza dunha profesional veterinaria é crucial «porque achega un coñecemento específico no caso dunha enfermidade que se transmite de animais a persoas, en ámbitos de experimentación con animais ou de control alimentario e da saúde pública», asegura Germán Santamarina.

Crises sanitarias

A integración das profesionais veterinarias no sistema público de saúde, din, é unha demanda prioritaria. Mentres non se recoñezan como autoridade sanitaria «seguirá habendo un baleiro na sanidade pública» que dificulta a abordaxe urxente e eficaz de alertas sanitarias críticas para a seguridade da poboación, explica Santamarina.

Crises como a da listeriose, a das vacas tolas ou a da gripe A requiren do saber especializado das veterinarias e de protocolos integrados que axilicen o seu control.

E apunta varios exemplos: a crise da listeriose, a das vacas tolas; a gripe A e o ébola como enfermidades emerxentes, ademais doutras convencionais como a tuberculose, a brucelose ou a triquinose. Todas requiren do saber especializado das veterinarias e de protocolos integrados que axilicen o seu control. Pero sen status de profesionais sanitarias están limitadas.

«Se detectamos un can con tuberculose», sinala Germán Santamarina, «non podemos iniciar unha alerta sanitaria e actuar de forma inminente, temos que comunicarllo á autoridade sanitaria para que abra o procedemento, o que supón unha perda de tempo e control» que pode ser decisiva para a saúde das persoas. Por iso, insiste na súa incorporación «ás áreas de saúde».