As verteduras da mina de Varilongo superan 325 veces o limiar de Cadmio permitido

Verteduras transversal Carballeira. (Foto: Contraminacción)
Os niveis de cobre son 145 veces maiores que os máximos legais aceptados, e os de cinc case 100 veces superiores.

O pasado mes de outubro diversas organizacións ecoloxistas da redeContraMINAcción presentaron denuncias polas evidencias de contaminación en Varilongo (Santa Comba), causada por metais pesados procedentes da mina subterránea de volframio e estaño en proceso de reactivación pola australiana Rafaella Resources e súa filial Galicia Tin & Tungsten.

Os resultados das analíticas realizadas polo Laboratorio de Medio Ambiente confirman as denuncias cursadas o pasado ano, baseadas nas evidencias visuais de precipitacións de metais pesados na Braña Ancha (perceptíbeis mesmo desde as imaxes de satélite).

Os datos evidencian a presenza de niveis alarmantes de metais pesados (cobre, cinc e cadmio) en concentracións que "superan amplamente os límites máximos que estabelece a lexislación", advirten desde Ecoloxistas en Acción. Desde a plataforma ContraMINAcción alertan ademais que o cadmio é "unha substancia perigosa prioritaria por tratarse dun elemento canceríxeno".

Segundo o informe do laboratorio as verteduras proceden do denominado "transversal Carballeira", unha galería de desaugue das labores subterráneas, e das antigas balsas de decantación utilizadas tanto pola empresa de áridos Canteira da Mina S.L.. As verteduras procedentes desta galería presentan niveis de cadmio que superan 325 veces o máximo legal permitido, os de cobre 145 veces e os de cinc case 100 veces máis.

A rede ContraMINAcción denuncia a gravidade desta contaminación e a inacción das Administracións. As verteduras do transversal van a parar a terreos agrícolas e desde alí descorren ata o rego dos Lagos. 

A pesar de que os feitos foron denunciados ante Augas de Galicia en outubro, non consta que se iniciase aínda ningún procedemento sancionador. Só realizou unha analítica o pasado 4 de novembro, evitando comunicar os resultados aos denunciantes a pesar de se teren solicitado.

As entidades ecoloxistas consideran que o organismo "busca ocultar a súa propia inacción". Denuncian que xa en 2021 outorgou unha autorización de verteduras a empresa Canteira da Mina S.L., pero que omitía nos controis periódicos a obriga de realizar análises de metais pesados: o verdadeiro problema da explotación, pola presenza de sulfuros.

"A ausencia do trámite de avaliación ambiental permitiu que saíran adiante sen incluír calquera medida para o tratamento das drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados antes de verterse ao medio", engaden. 

As denuncias realizadas motivaron a apertura dun procedemento no Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus na ONU e outro na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para investigar as irregularidades.