A rotura dunha balsa de áridos en Frades alcanza o río Tambre e obriga a activar mecanismos de protección

Turbidez no río Tambre. (Foto: SLG)
Persoal técnico de Augas da Galiza desprazouse até o lugar para tomar mostras de auga, que presenta turbidez, e analizalas no laboratorio.

A rotura dunha balsa mineira de áridos dunha canteira na localidade de Frades (comarca de Ordes) xa alcanzou o río Tambre, que, segundo puideron comprobar in situ técnicos de Augas da Galiza, presenta turbidez nas súas augas. En resposta, as autoridades activaron os mecanismos de protección para minimizar o impacto da vertedura. A balsa pertence á empresa mineira Explotación de Rocas Industriales y Minerales S.A (Erimsa).

Augas da Galiza tivo constancia a pasada noite da rotura desta balsa, que chegou ao rego Gaiteiro e alcanzou o río Tambre, confirmaron desde a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade. Durante a mañá desta terza feira técnicos da entidade realizaron unha inspección oficial á empresa, confirmando a rotura da balsa e a vertedura de áridos —sen carga metálica—, que neses momentos estaba controlada e que a empresa se comprometeu a arranxar ao longo do día.

O persoal técnico tamén se desprazou até o Tambre para supervisar a afección ao río e tomou mostras da auga para a súa posterior análise no laboratorio. Unha vez realizada esa supervisión, ás 12.10 horas, Augas da Galiza deu aviso ao persoal da central de emerxencias do 112-Galiza para que trasladase a situación aos concellos polos que transcorre o Tambre, polas captacións de auga que se puidesen verse afectadas e para a adopción das medidas preventivas e de control que se estimen oportunas ante a turbidez da auga.

Con esta información, desde o 112 alertaron os concellos de Frades, O Pino, Oroso, Santiago de Compostela, Trazo, Val do Dubra, Ames, A Baña, Negreira, Brión, Noia e Outes, que realizan captacións de auga no río afectado. Entre tanto, o persoal técnico de Augas da Galiza seguirá realizando o seguimento da situación mentres persista a turbidez nas augas do río Tambre, á espera de retornar á normalidade.

Denuncia do SLG

Após coñecer o sucedido, o Sindicato Labrego Galego presentou unha denuncia diante da Consellaría para estudar a posíbel concorrencia de Erimsa nun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, así como de infraccións administrativas. O SLG insta a Xunta a investigar os feitos denunciados e a esclarecer as causas.

Non é a primeira vez que este sindicato alerta de posíbeis actuacións ilegais vinculadas con esta empresa. No ano 2017 presentouse diante da Fiscalía unha denuncia contra Erimsa por "levar a cabo actividades mineiras no concello de Frades sen que consten as licenzas preceptivas" para facelo.