A vertedura ao río Tambre, á espera das análises, "non é contaminante"

Vertedura de áridos ao río Tambre. (Foto: SLG)
A Xunta afirma que a rotura dunha balsa de áridos en Frades "non está a ter incidencia no abastecemento de auga" dos concellos nin nas especies presentes na contorna do río Tambre.

A Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta da Galiza remitiu esta cuarta feira un comunicado no que sinala que, segundo os datos que manexa nestes momentos Augas da Galiza, a vertedura de áridos ao río Tambre, após a ruptura dunha balsa dunha canteira en Frades (comarca de Ordes) esta segunda feira, non está a afectar as especies nin o abastecemento de auga dos concellos.

Desde Augas da Galiza seguen a facer un "seguimento continuo" desa vertedura e o seu persoal técnico desprazouse até o lugar para facer unha inspección da balsa. A vertedura, sinalaron, non contén carga metálica e está controlada. A empresa, Erimsa, comprometeuse a resolver a incidencia "o máis axiña posíbel".

Após dar aviso ao centro de emerxencias do 112-Galiza para que comunicase a situación aos concellos afectados —pola captación de augas e para a adopción das medidas que fosen necesarias—, os técnicos tomaron mostras do río para a súa posterior análise no laboratorio.

Con todo, "pola información de que a dispón até o de agora Augas da Galiza", sinalaron desde a Consellaría, esta vertedura "non está a ter incidencia no abastecemento" dos municipios afectados e, á espera dos resultados do laboratorio, "non é contaminante".

Trátase de áridos que tampouco provocaron mortaldade nas especies, polo que "non se espera que tampouco teña afeccións nin nas augas da ría nin nos bancos marisqueiros". "A vertedura provocou turbidez e por ese motivo activouse o protocolo de alerta ás captacións de auga de Ames e Santiago, malia que esa turbidez xa se reduciu moito no día de hoxe", informou a Xunta.

Pola súa parte, o Concello de Santiago deu a ameaza por desactivada no municipio: "Hoxe [por esta cuarta feira] xa puidemos captar auga con normalidade, se ben onte [pola terza] decidimos non facelo, toda vez que os depósitos estaban cheos", dixo a edil responsábel de Medio Ambiente, Milagros Castro.

Denuncia do SLG

O Sindicato Labrego Galego trasladou o relativo a esta vertedura á Consellaría para estudar a posíbel concorrencia de Erimsa nun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, así como de infraccións administrativas. O SLG insta a Xunta a investigar os feitos denunciados e a esclarecer as causas.