Unha vertedura de xurros pon en alerta Arzúa, Melide e Santiso

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
A actuación dos técnicos permitiu eliminar a vertedura sen que chegase a afectar a subministración de auga da localidade.

A central de emerxencias do 112-Galiza puxo en alerta esta sexta feira os concellos de Arzúa, Melide e Santiso por unha vertedura de xurros na parroquia melidá de Orois. Con todo, o servizo de emerxencias trasladou que a empresa xestora do abastecemento de auga xa se encargou das tarefas de limpeza, sen que se vise afectada a subministración á poboación.

Desde o 112 informaron a Garda Civil, técnicos de Augas da Galiza e da Consellaría de Medio Ambiente, os axentes da Policía Autonómica e da Policía Local de Melide e Arzúa e os voluntarios de Protección Civil de ambas as localidades cando tiveron coñecemento do sucedido.

O 112-Galiza rexistrou o aviso a través dunha chamada dos técnicos da empresa subministradora da auga na zona, que alertaban dunha vertedura de xurro no regato de Pota Piñeiras.

Do mesmo modo, para que tomasen as medidas preventivas necesarias, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse ás autoridades locais de Arzúa, Melide e Santiso, que confirmaron que unicamente o concello de Arzúa facía captación de auga no curso afectado.

Con todo, a actuación dos propios técnicos da empresa permitiu eliminar a vertedura sen que chegase a afectar a subministración de auga da localidade.