Animalistas denuncian que os cazadores contaminan os montes galegos con até 25 toneladas de chumbo cada ano

#caza #cazador #disparo (Foto: Nós Diario)
Este compoñente "altamente contaminante" está permitido en zonas protexidas como parques naturais ou reservas da biosfera, e tarda en desaparecer dos ecosistemas "entre 100 e 300 anos".

A organización animalista Fundación Franz Weber estima que cada cazador verte aos montes galegos, cada tempada de caza, perto dun quilogramo de chumbo, que correspondería a unha media de 30 disparos con diferentes pesos de municións.

Así, tomando en consideración o número de licenzas que hai actualmente expedidas na Galiza —37.007 en 2021—, se cando menos 70% participa de forma activa serían aproximadamente 25 toneladas de "pura contaminación".

Nunha nota de prensa, a ONG destacou que a desaparición do chumbo das municións xa se aplica en estados europeos como os Países Baixos e Dinamarca.

Algúns países europeos xa decretaron a supresión do chumbo das municións

Neste senso, sinalan que as decisións destes dous países coinciden coa advertencia da Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas, que recomenda medidas restritivas polos efectos nocivos que supoñen unha vez expulsadas.

Aliás, critica que o uso deste compoñente "altamente contaminante" está permitido mesmo en zonas protexidas, como a Reserva da Biosfera de Ribeira Sacra-O Iribio-O Courel ou nos parques naturais, como as Fragas do Eume.

Deste modo, posibilítase a vertedura de chumbo constante "por mor das batidas para matar raposos, corzos, coellos ou xabaríns".

Nesta mesma liña, a ONG explica que diversos estudos realizados ao longo das dúas décadas pasadas resaltan que o chumbo da munición tarda entre 100 e 300 anos en desaparecer dos ecosistemas e "só con dez perdigóns de moi pequeno tamaño inxeridos de forma accidental por unha ave" poden provocarlle unha morte por envelenamento.

Asemade, calculan que cada ano en Europa deposítanse na natureza perto de 27.000 toneladas deste metal pesado, que provoca "non só mortes, senón tamén danos neurolóxicos aos animais que o inxiren, accedendo á cadea trófica de especies carroñeiras e depredadoras".