Santiago de Compostela

A veciñanza celebra "con receo" o fechamento do vertedoiro de Miramontes: "Seguiremos vixiantes"

Vista do vertedoiro de Miramontes desde Lamascal. (Foto: Plataforma de afectados 'STOP Vertedoiro Santiago)
A plataforma de afectados lembra que aínda quedan procedementos xudiciais abertos, tanto a nivel penal como administrativo, e advirten que ficarán "vixiantes" para que se cumpra o prometido, como a retirada dos tecnosolos.

O vertedoiro de Grixoa-Miramontes, en Santiago de Compostela, deixou de recibir residuos a pasada quinta feira, como primeiro paso de cara ao definitivo fechamento dunhas instalacións que durante anos mantiveron a veciñanza en pé de guerra. Eses mesmos veciños e veciñas celébrano como "unha gran noticia", se ben tamén a reciben "con receo".

"Son numerosos os parabéns e as mensaxes de contento", sinalan, nun comunicado remitido aos medios esta segunda feira, aludindo ao "alivio que vai supor para a veciñanza que sofre diariamente o tráfico de camións" nesta zona, unha das principais queixas da plataforma de afectados.

"Non sabemos até que punto podemos confiar en que as administracións cumpran co seu deber e comproben que se leva a cabo correctamente todo o proceso de selado", advirten desde este colectivo, preocupados porque "o sistema de desgasificación non sexa suficiente, dado que non está adaptado á cantidade de materia orgánica que estivo entrando no vertedoiro".

Así, afirman tamén que se descoñece "en que medida cambiarán as cousas de agora en adiante". "Non se sabe se continuarán os insoportábeis cheiros, que segundo indican en varias zonas dos arredores, agravaron considerabelmente nos últimos meses", din.

Manifestan tamén o seu "desacougo" polo feito de que os "mal chamados tecnosolos" continúen depositados alí anos despois, "a pesar de existir unha sentenza xudicial que obriga a retiralos e restabelecer a zona ao seu estado natural".

"A isto súmase a preocupación por un segundo grande oco baleiro que existe en Miramontes, e polas demais canteiras abandonadas da xeografía, porque sobre elas sobrevoa a mesma ameaza de destrución", engaden. A plataforma de persoas afectadas polo vertedoiro considera "imprescindíbel" que sigan a facerse de forma recorrente as analíticas das augas en toda a contorna desta canteira, a fin de coñecer "en que medida está e estará afectando ao medio o amoreamento de residuos".

O fechamento destas instalacións, sostén a veciñanza mobilizada durante anos, "chega tarde". E faise agora, aseguran, "porque esgotou a súa capacidade". "Foron numerosas as irregularidades que alí se atoparon, descubertas polos propios veciños e veciñas, xa que ningunha administración parecía estar controlando os labores que alí se levaban a cabo, denuncian.

Desde este colectivo veciñal solicitan á Consellaría de Medio Ambiente que adopte "todas as posturas comprometidas" en relación á execución do proxecto de selado do vertedoiro, e tamén a respecto da retirada efectiva dos tecnosolos. Sinalan ademais que "aínda quedan procedementos xudiciais abertos" a nivel penal en fase de instrución, e a nivel administrativo, en trámite, estando a plataforma presente en todos eles.

"A loita polo cumprimento das leis e pola defensa da natureza no rural compostelán aínda non se dá por concluída. Permaneceremos vixiantes e activos para que as cousas se fagan ben. Hai moitos aspectos que requiren seguir estando aí, dada a complexidade do chamado Complexo Medioambiental de Miramontes", sentencian.