O vertedoiro da Rúa leva ardendo 12 días ante a inacción da Xunta
A Rúa (Valdeorras) continúa ardendo 12 días despois que o grande incendio principiado en Larouco -e que arrasou a comarca- entrara no concello procedente do limítrofe municipio de Petín. A alcaldesa da Rúa, María Albert, reclama solucións ao Goberno galego e respecto para a súa veciñanza.
O 13 de agosto comezaba na parroquia de Seadur, no concello de Larouco (Valdeorras), o maior incendio da historia da Galiza. O lume, que durante máis dunha semana arrasou 30.000 hectáreas das comarcas de Valdeorras, Quiroga e O Courel, entrou na Rúa procedente de Petín o 15 de agosto, non tardando en prender nunha nave industrial dunha empresa do sector da automoción e nun vertedoiro de inertes e residuos da construción emprazado no polígono empresarial da localidade.
A veciñanza da Rúa botou dúas xornadas enteiras loitando contra o lume, que chegou ás portas das vivendas. A este respecto, a Consellaría de Medio Rural estimou que as lapas calcinaron 90% da superficie do municipio, sinalando a Nós Diario a alcaldesa da localidade, María Albert (BNG), que "ardeu todo o que non era núcleo" de poboación. Neste sentido, as fontes da Xunta da Galiza consultadas por estes medio apuntan que "agás no caso da Veiga, o territorio queimado nos concellos da comarca de Valdeorras sitúase entre 80% e 90% do total".
O fume segue na Rúa transcorridos 12 días da chegada do lume á localidade. O vertedoiro de inertes e residuos localizado no polígono empresarial do municipio continúa ardendo sen que as administracións de ámbito supramunicipal acheguen unha alternativa ao Concello para apagar as chamas. A este respecto, María Albert explica que "temos un incendio desde hai 12 días nunha instalación municipal, coa Xunta da Galiza e a Deputación de Ourense pasándose a pelota para non actuar". Neste sentido, denuncia "un abandono absoluto do Goberno galego".
"As consecuencias desta situación pagámolas a xente da Rúa e doutros concellos da comarca, que levamos moito tempo cun incendio controlado, pero non apagado", afirma Albert, destacando que "estamos sufrindo os efectos do fume, que nos obriga a andar pola rúa coa máscara e que impide á xente con doenzas saír da súa vivenda". Ao tempo, advirte da "mala calidade do aire, como recollen as propias estacións de Meteogaliza, mais iso semella non importarlle á Xunta da Galiza, que quere converter o problema nunha cuestión de competencias".
Albert apunta que "sexan de quen sexan as competencias, o traballo da Xunta e da Deputación é axudar os concellos e non poden deixarnos abandonados nesta situación". A este respecto, a alcaldesa da Rúa manifesta que "Goberno galego afirma que apagar o lume non é da súa competencia porque non é un incendio rural e a Deputación di que ao non ser un lume urbano non lle corresponde apagalo". Nesta dirección, critica que "a Xunta da Galiza non mandara nin un técnico para buscar unha solución, algo que si fixo a Deputación ou o Estado a través da UME".
"Os técnicos do Concello, da Deputación ou da UME explicáronos que apagar o incendio no vertedoiro non é cuestión sinxela, pois obrigaría a mover máis de 14.000 metros cúbicos de terra", asevera Albert, sinalando que "agora que xa están apagados os groso dos lumes en Valdeorras non hai escusas para non extinguir este incendio".
O Goberno local desmente que haxa una "nube tóxica
O Goberno local da Rúa negou onte que o incendio no vertedoiro de inertes e residuos emprazado no polígono empresarial do municipio emita substancias tóxicas, negando algunha información xornalística que advertiría da existencia dunha "nube tóxica" na comarca de Valdeorras derivada deste lume. A este respecto, a alcaldesa da localidade, María Albert, sinalou a Nós Diario que "os residuos depositados no vertedoiro teñen a consideración de non perigosos" e "non hai risco algún de nube tóxica".
Albert explicou que o vertedoiro "ten un plan de xestión bastante estrito e asegura que hai sancións cada vez que se vulnera a autorización ambiental integrada. Neste punto, lembrou que a maioría dos residuos proceden da fábrica do sector de automoción que ardeu o día 15, unha factoría dedicada á elaboración de illantes térmicos e acústicos para vehículos. Precisamente, os recortes deses illantes son os que están ardendo estes últimos 12 días.
O tenente de alcaldesa da Rúa, Vicente Solarat, reiterou tamén onte que o incendio no vertedoiro da inertes e residuos "non desprende toxicidade". Neste sentido, desmentiu as informacións xornalísticas sobre "a gran nube tóxica", asegurando que os refugallos non son perigosos" e xa se realizaron varias analíticas que o confirman.