Verónica Dopico, profesora: "Queremos sensibilizar a toda a comunidade educativa dos temas vinculados ás ONG"

A profesora do CPI Virxe da Cela, Verónica Dopico (segunda pola dereita), con alumnado e profesoras (Foto: Nós Diario)
O CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, xunto co CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, foi recoñecido co I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, un galardón impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD. A profesora Verónica Dopico é unha das impulsoras do Proxecto Monferosolidario do primeiro centro, unha iniciativa que xurdiu en 2008.

Os proxectos de desenvolvemento foron sempre o seu?

A miña especialidade é Música mais desde hai moitos anos, levo 20 neste centro de Monfero, traballo outras materias. O motivo é que hai cada vez menos alumnado e, como consecuencia, diminuíron a carga lectiva da miña materia. Comecei a dar Ética, que despois pasou a ser Educación para a Cidadanía, e, agora, imparto Valores éticos, a alternativa á Relixión. Levo sempre as materias máis sociais.

Nesta en concreto damos de todo, traballamos desde os obxectivos de desenvolvemento do milenio até valores como igualdade, inclusión ou participación cidadá. Todo o que sería a transversalidade do currículo entra nesa disciplina.

Considera que está ben valorada esa materia na educación?

No noso centro está tan ben valorada como calquera no contexto que a min me toca traballar. Agora mesmo, desde que se iniciou no curso 2008-09 até hoxe, engloba moitos departamentos que a traballan, desde Educación Física até Ciencias Naturais. Pasou a ser un proxecto unitario de todo o centro. Traspasou mesmo o que sería Secundaria para estabelecerse noutras que se imparten no centro como Infantil e Primaria. 

En que consiste o proxecto Monfero Solidario?

Titulámolo "Abrindo a escola cara a transformación social desde a educación para o desenvolvemento e a cidadanía global". Nós queremos facer transformación social partindo da nosa propia escola. Temos moi claro cal é o noso contexto.

Somos un centro rural e hai alumnado que co remate das aulas acaban a xornada, marchan ás súas casas e até o día seguinte non se volven ver coas compañeiras e compañeiros, a diferenza dunha cidade que teñen actividades extraescolares ou quedan no parque. Queremos dinamizar esta mocidade a través das nosas accións. Queremos transformar a sociedade, implicando toda a comunidade educativa, tamén as familias. Sensibilizalas dos temas que tratamos moi vinculadas ás ONG e asociacións coas que traballamos en miniproxectos. 

Un exemplo?

Coa ONG Solidariedade Internacional Galiza, e vinculado coa Universidade da Coruña, durante varios anos tratamos o tema do local ao global. Formaba parte dun grupo de traballo de profesorado de ambos os centros e elaborouse material curricular con visitas a zonas da nosa contorna para potenciar o seu desenvolvemento. Naquel momento escollemos como tema o leite, importante para a nosa comarca, que vinculamos aos obxectivos do milenio.

Titulábase "A vaquiña polo que vale" e nel participou profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria de todos os departamentos. Estudamos desde a composición do leite até o seu comercio, pasando polo desenvolvemento económico e o seu prezo. Mesmo visitamos granxas de leite ecolóxico! 

Que resultado tivo no alumnado este proxecto?  

Case non o percibe porque está desde hai tantos anos no centro e forma parte de todas as materias... Parte del está moi vinculado e sabemos que moito alumnado que pasou no seu día polo centro agora segue en contacto con ONG, mesmo traballando de voluntariado.

Hai unha semente que queda aí e perdura no tempo. Foi toda unha sorte que cando naceu en 2008 este proxecto gañase o I Premio Estatal de Educación para o Desenvolvemento Vicente Ferrer. Vernos con ese galardón sendo unha escola pequena case sen infraestrutura... Para nós é moi importante esta difusión dos premios para que o centro continúe malia perder matrículas como acontece en todo o rural galego.