Verónica Civeira, enfermeira: "As nenas e nenos copian de adultos mais tamén son grandes transmisores de saber"

Verónica Civeira, enfermeira (Nós Diario)

A saúde centra estes meses moitas das nosas conversas. A pandemia levouna á primeira liña da actualidade. Verónica Civeira, pola súa profesión como enfermeira, pensou hai un par de anos que sería necesario levar algunhas nocións básicas de sanidade aos colexios. Nacía así 'Pupas, sustos e outros desgustos', un proxecto didáctico polo que pasaron máis de 2.500 alumnas e alumnos de 60 colexios das comarcas de Ourense que coa chegada da Covid-19 traspasa fronteiras a través de internet.   

Que é 'Pupas, sustos e outros desgustos'?

É un programa de educación sanitaria que naceu inicialmente para os colexios. Como enfermeira nun centro de saúde decateime de que había cuestións que para min eran moi sinxelas, como o caso de ter que actuar diante dunha ferida ou de cando sae sangue polo nariz, mais as nais e os pais tiñan moitas dúbidas. Logo tamén eu mesma  como nai con dúas nenas percibín que canto máis se lles expliquen as cousas e máis se impliquen, máis colaborarán e menos medo van ter diante dunha situación sanitaria.

Xurdiu a idea de facer obradoiros baseados en xogos, con dinámicas de grupos nos colexios para que aprendesen que facer en determinadas situacións, como cando teñen gastroenterite ou algo esencial como é saber cal é o número de emerxencia. Levamos dous cursos con este proxecto.

Que experiencias salientaría deste proxecto?

Moitas! Cando nos organizamos formamos grupos e cada un deles ten unha monitora ou un monitor. Hai unha parte teórica e logo hai un xogo. Deixamos que interveñan moito. Que pregunten e conten anécdotas. Saen algúns falsos remedios como o da pasta de dentes nas queimaduras ou erros que cometen na súa familia diante dalgún incidente. O curioso é que te decatas de que os mesmos casos repítense en moitos sitios. Ao remate, pasámoslle un cuestionario para as nais e pais, para que digan como lles vai a experiencia. Segundo explican vai moi ben e practican na casa. Mesmo o alumnado rifa coa súa familia cando non actúan ben! 

Deberiamos dar exemplo ás nenas e aos nenos?

Copian dos adultos, sobre todo dos que teñen na casa, mais tamén son marabillosos como transmisores de saber. Se teñen claro unha cousa non pararán até que os demais tamén a teñan clara.

Cales son os temas que aparecen máis e dos que temos unha idea errada de como solucionalos?

A maior desinformación está nas queimaduras. Tamén da febre na que aínda hai esa idea de que se ten que abrigar alguén que a ten. No caso das feridas o primeiro é limpalas con auga. E o máis rechamante é non saber que o número de emerxencias é o 112. Pensa que poden quedar sós ou coa súa avoa ou avó e pasar algo e non saber a quen acudir.

Debería de existir unha materia sobre sanidade no ensino?

É o que nos din desde o profesorado que participa tamén nos obradoiros. Afirman que hai moita falta de educación sanitaria nos colexios. As familias din o mesmo, que habería que dedicarlle unhas horas mensuais á educación sanitaria. Podían facelo as enfermeiras dos centros de saúde ou como sexa. 

Agora coa pandemia seguen a través das redes sociais. Que explican?  

Aproveitamos as redes sociais e o blogue. Comezamos pedíndolle ás nenas e aos nenos que nos enviasen vídeos con ideas para pasar o tempo no confinamento e agora rematamos uns sobre como respectar medidas como o emprego da máscara ou a distancia de seguridade. Estamos traballando xa pensando en setembro, na volta ao cole. 

Será difícil este novo curso coa pandemia ás portas?

Doado non vai ser. Non será igual un colexio do rural con pouco alumnado que outros que teñen moitos. O proceso de adaptación é diferente en cada un. Haberá que ter en conta cambios estruturais e de organización das aulas.