O colexio concertado de Verín que usa o transporte público aduce "igualdade de dereitos" co alumnado da pública

A Xunta defende o uso do transporte público por parte de centros de ensino privados concertados (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A dirección do centro púxose en contacto con 'Nós Diario' para dar a súa versión a respecto dos feitos expostos pola CIG-Ensino, que falaba dun "trato de favor" a esta escola concertada que, pola contra, afirma que o uso deste servizo non supón "prexuízo ningún" para a pública porque "quedaban prazas vacantes".

A pasada segunda feira, 7 de febreiro, Nós Diario fíxose eco dunha denuncia da CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector, sobre a cesión por parte da Xunta do servizo de transporte escolar público a un centro privado concertado de Verín, o CPR María Inmaculada.

Para a CIG, trátase dun "uso ilícito" que "está a provocar que centros públicos, que si teñen dereito ao transporte escolar, vexan minguada a súa matrícula". Isto podería desencadear, afirma, no "fechamento de aulas públicas alegando falta de alumnado, o que leva consigo tamén a supresión de postos de traballo docentes nos centros públicos".

A información recollía, aliás, a xustificación do director xeral de Mobilidade do Goberno galego, Ignacio Maestro Saavedra: "A empresa concesionaria solicitou no mes de outubro a súa incorporación nas liñas que dan servizo aos centros escolares públicos da contorna, pois estima unha demanda que pode chegar aos 60 viaxeiros [...] A dirección xeral de Mobilidade promove, como non pode ser doutra maneira, o uso do transporte público por parte de toda a cidadanía e fomenta o aproveitamento dos recursos públicos".

"Esta actuación está a prexudicar ao ensino público, hai todos os anos problemas no transporte polas liñas cando se trata de recoller alumnado de parroquias afastadas como aconteceu recentemente no Bolo, os horarios dos centros están condicionados por este transporte, os problemas ou non se solucionan ou se fai tarde e despois de moitas reclamacións; porén, para o centro privado María Inmaculada todo foi axilidade para acrecentar o seu beneficio, que é o beneficio, do ensino privado", respondía a CIG-Ensino.

Valoración do CPR María Inmaculada

Así as cousas, a dirección do CPR María Inmaculada púxose en contacto con este xornal na tarde desta terza feira para ofrecer a súa versión dos feitos: "O noso centro acolle e escolariza, entre outros, alumnado procedente da contorna rural de Verín, que —quer por necesidade quer por libre opción— elixen o noso centro educativo, e que son acredores do uso dun servizo público, tamén de transporte".

Así, nunha carta, explica que "os centros públicos dispuñan historicamente dun servizo público de transporte que ofrecía o traslado dos alumnos procedentes da contorna rural, servizo que —en ningún caso— estaba saturado polo devandito alumnado; é dicir, quedaban prazas vacantes".

En consecuencia, "tanto a Xunta como o seu xefe territorial en Ourense aplicaron o mellor criterio de xustiza social, abrindo o servizo de transporte público que viñan usando privativamente os 'alumnos-cidadáns' escolarizados en centros públicos aos 'alumnos-cidadáns' deste centro concertado", a fin de rematar cunha "actuación discriminatoria" que afectaba a "igualdade de dereitos" de todo o alumnado de Verín, alén de "optimizar un servizo público que viña sendo infrautilizado ao restrinxirse ao alumnado de centros públicos".

Compartir o servizo, enfatiza, "non supón prexuízo ningún para os centros públicos, que seguen cos seus roteiros, horarios e paradas".

"A Galiza, e polo tanto a nosa contorna de Verín, sofren un progresivo descenso da natalidade, que podería entenderse como unha descompensación entre os recursos ofertados e os alumnos escolarizados, o cal —como indica o referido sindicato [CIG-Ensino]—, podería derivar na perda de postos de traballo por redución de unidades educativas, mais non só na escola pública, senón tamén na escola privada á que represento, que sendo cidadáns do mesmo dereito que os seus compañeiros da pública, parecen non estar no punto de preocupación e defensa dun sindicato que di representar os traballadores do sector", conclúe a dirección do centro.