'Verín non se pecha', un ano despois

Manifestación contra o peche do paridoiro no ano 2019 (Foto: EP).
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei convocou para esta segunda feira ás 11:00 horas, diante do Hospital de Verín, unha concentración de apoio ao xefe de Xinecoloxía do centro, Javier Castrillo

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei convocou para esta segunda feira ás11 horas, diante do Hospital de Verín, unha concentración de apoio ao xefe de Xinecoloxía do centro, Javier Castrillo, unha das caras visíbeis das protestas contra o peche do paridoiro da vila.

O lema de 'Verín non se pecha' reconverteuse en 'Castrillo non se toca' e, segundo trasladou a portavoz da plataforma, Aurora Sola, confían en que "un apoio masivo" a esta protesta obrigue á Xunta a "rectificar" a apertura dun expediente a este xinecólogo, no que tanto o propio profesional como os que o apoian ven "unha vinganza política".

Os feitos que motivan o expediente remóntanse, precisamente, a hai un ano, cando o 30 de novembro -un día antes de que se fixese efectivo o peche do paridoiro-, Castrillo mantivo unha discusión cunha pediatra desprazada a Verín que defendía o traslado dun bebé que acababa de nacer a Ourense (o que finalmente se fixo).

A Xunta, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, defendeu que foi a pediatra a que denunciou os feitos, polo que a Administración cometería unha irregularidade se non incoase a correspondente investigación. Con todo, Castrillo ve "unha vinganza" do xerente do Sergas en Ourense, Félix Rubial, polo seu posicionamento en defensa do paridoiro.

Pero tamén ese mesmo 30 de novembro de 2019 as rúas de Verín acollían unha masiva manifestación en defensa de que o paridoiro non se pechase no hospital comarcal. Outro factor determinante, segundo confirmou Aurora Sola, estabelecer mañá a concentración de apoio ao especialista en Xinecoloxía.

"Reactivámonos en defensa dun profesional que o único que fixo foi defender os dereitos das nais e dos nenos", sentenciou a portavoz da plataforma, que pide o cesamento do xerente da área ourensá e a retirada do expediente.