Entroido2018

Verín estoupa en cor e festa

[Imaxe: Cedida]

Na quinta-feira as mulleres inauguraron o xoves de comadres e fixeron súas as rúas e locais da localidade de Verín. As máscaras tradicionais do lugar, os cigarróns, xa levan a invadir o espazo público desde o domingo corredoiro co escarnio e ofensa típicos destas datas. Na sexta-feira é o venres de compadreo, antesala dos días grandes da festa, co bautizo do cigarrón, o domingo gordo e o luns e martes de entroido.

“Non hai xeito de definir o sentimento do entroido, é a máxima expresión da nosa festa, do noso pobo, das nosas tradicións. É sentir as chocas dos cigarróns e sentir a pel de galiña”. Estas son as palabras coas que Diego Lourenzo, concelleiro e tenente alcalde de Verín, debuxa as sensacións que espertan estas datas na veciñanza da vila. Os cigarróns, engalanados cos seus tradicionais traxes, cuxa característica principal son as carautas de madeira pintada de cores rechamantes, xa estrearon o seu mallo –pequeno látego– e as súas chocas desfilando polas rúas no pasado domingo corredoiro, após do oficio relixioso.

 

Cunhas máscaras caracterizadas pola prolongación dunha mitra de metal con motivos animais –leóns, lobos, bois, cabalos, corzos, aguias...–, estes reis do entroido verinés crean co seu paso toda unha xolda que percorre a vila, facendo mal e escarmentando toda veciña ou viandante que se lle cruce polo medio, sobre todo se a vítima comete a imprudencia de pasear sen disfrace pola vía pública. Respectando as regras non escritas dos festexos, todo isto acontece sen consecuencia para a figura central da festa. O cigarrón –vestido con intricadas telas, flocos, medias e ligas– pode recibir o escarnio das crianzas sen que haxa castigo e actualmente mesmo serven para facer os controis laterais dos desfiles, que eles mesmos lideran.

 

Xoves de comadres

 

Na quinta-feira, 8 de febreiro, abriuse a veda co xoves de comadres. O día debe a súa orixe á reunión de todas as mulleres da vila, “que ían recoller a raíña do entroido, quen é recibida por don Carnal na Casa do Escudo para logo saíren os dous ao balcón da Praza Maior, desde onde saúdan o pobo alí congregado”, sinala Lourenzo. Alén desta tradición, que segue vixente, esta é tamén a data na que centenares de raparigas e adultas se xuntan para celebrar o entroido libres da compañía dos homes. Todo aquel rapaz que se atreva a entrar nun restaurante no que haxa ceas de comadres farao “sempre baixo a súa responsabilidade”, brincan as mulleres.

 

O venres de compadreo, veciñas e veciños verineses poden ver desfilar dous carros custodiados por capuchóns e ‘mascaritas’. “Os capuchóns son un traxe que só existe no entroido de Verín e que estamos tratando de recuperar; consiste nun hábito humilde que conta cunha capa para levar por riba”, explica a grandes trazos o concelleiro. Ao día seguinte, celébrase o bautizo do cigarrón, cerimonia na que se viste por vez primeira unha crianza co traxe típico destas máscaras, un momento solemne no que se lle dá a benvida a un novo membro dentro deste selecto grupo.

 

“Aínda que os cigarróns saen por primeira vez pola festa de Santo Antón, que coincide invariabelmente o 17 de xaneiro, logo do domingo corredoiro trotan polas rúas de Verín durante todo o entroido”, conta Lourenzo. Estas elegantes figuras son tamén as que encabezan os desfiles tradicionais, que teñen lugar no domingo gordo e o martes de entroido, e son seguidos pola raíña da festa, a banda de gaitas do Concello e o resto de comparsas e carrozas.

 

O ciclo esmorece xa no mércores de cinza, cando se acostuma enterrar a sardiña nun velorio multitudinario que ten lugar na Praza Maior da vila. A fin da festa aínda encontra o seu epílogo no domingo de piñata, de recente creación. Neste día, as e os participantes nos desfiles reúnense para celebrar un copioso banquete. Fechan así o ano e dan inicio á coresma que, por extensión, se converte para a veciñanza de Verín nunha longa espera até o entroido do ano que vén.

 

Un cambio de ton ao longo do tempo

 

Como toda festa tradicional, o entroido –cunha orixe que se perde cara atrás nos séculos– experimentou unha evolución inevitábel co paso das décadas e de diferentes formas de goberno. Nos últimos anos, é patente unha mudanza na actitude da festividade. “Antes era moito mais íntimo do que o é hoxe. Cada día medra máis e cada día alberga moitísimos visitantes que enchen as prazas de aloxamento e queren mergullarse nesta celebración local”, engade Lourenzo. Isto provocou cambios no programa, que tenta manter o selo de autenticidade sen abandonar nunca a visión de facer unha festa para o pobo e non só para o turista. “Unha das decisións foi mudar o día do pregón, que este ano correu a cargo de Mercedes Astorga, do xoves de comadres ao domingo corredoiro, que é cando hai un público máis da vila e menos de fóra”, comenta.

 

por moito que a historia mude a súa forma, a esencia pura do entroido segue a ser a mesma: a sátira, o mundo ao revés, o caos e a irreverencia

 

Porén, por moito que a historia mude a súa forma, a esencia pura do entroido segue a ser a mesma: a sátira, o mundo ao revés, o caos e a irreverencia. A oportunidade de ser rei, policía ou cura por un día, dispor da ocasión de ser outro e, por unha vez no ano, reverter a orde estabelecida, criticando o poder e poñendo a realidade patas arriba.

 

Loxicamente, como sinalaba o xornalista Federico Cocho –autor de tres ensaios sobre o entroido–, as mudanzas que experimentou a festa débense “a unha cuestión de dispoñibilidade material, por iso daquela as brincadeiras eran feitas con fariña, ferruxe, betún… E hoxe acontece o mesmo, temos outras condicións materiais que nos evitan ter que confeccionar o noso propio disfrace porque xa o podemos ir comprar ao bazar chinés do barrio”, resume.

 

O entroido sobrevive aínda en pleno século XXI como “unha festa de creación colectiva, explosiva, de invasión, na que toda crítica vale”, di o especialista. E, como toda celebración, o galego pivota arredor da mocidade e da evolución que esta marca de cara ao futuro da sociedade, e dispón dun dinamismo que transcende o contexto histórico.

 

Non hai que temer, pois, pola fin da festa, que baixo diferentes máscaras e disfraces segue viva no sentir colectivo, na celebración común e na algarabía e alegría compartida. “O entroido é algo extremadamente importante para Verín, hai xente que leva facendo os seus disfraces desde agosto e a maioría de nós xa estamos nerviosos desde nadal, xa que este ano coincidiu moito mais cedo que outros. É algo que non se pode explicar con palabras, é unha emoción”, insiste o tenente de alcalde.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]