Os verificadores notifican ás autoridades francesas a localización dos arsenais de ETA

Miles de persoas participaron no acto central da xornada, que decorreu en Baiona

Serían oito depósitos de armas, munición e explosivos. “Este paso constitúe o desarmamento de ETA”, afirmou en Baiona o presidente do CIV, Ram Mannikalingam.

A Comisión internacional de verificación (CIV) notificou ás autoridades francesas a localización dos depósitos de armas de ETA após ter coñecemento das mesmas por un dos coñecidos como ‘artesáns da paz’, persoas da sociedade civil que colaboran no desarmamento de ETA. “Este paso constitúe o desarmamento de ETA”, afirmou este sábado en Baiona o voceiro da CIV, Ram Mannikalingam.

Segundo aponta ‘Le Monde’, serían oito arsenais, e non doce como se dixo por certos medios nun primeiro momento, que estarían ubicados en diferentes puntos de Iparralde. Nos mesmos habería armas, munición e explosivos. Segundo os mediadores, trataríase de de 120 armas, tres toneladas de explosivos e miles de cartuchos.

Mannikalingam dixo que a responsabilidade de “asegurar e recoller” os arsenais é do estado francés e dá por concluído o traballo que a CIV iniciou en setembro de 2011. Ao longo da xornada deste sábado haberá diferentes actos en Baiona no marco dun día cualificado como histórico.

Miles de persoas

A partir das tres da tarde miles de persoas se deron cita na Praza Paul Bert de Baiona, onde asistiron ao acto centrald a xornada. Alí, os 'artesáns pola Paz' explicaron os pasos do proceso e apontaron que fica aínda camiño por andar, como o recoñecemento de todas as vítimas do conflito ou a cuestión dos presos, entre outras. 

A mediados deste semana ETA informou a través dun comunicado que xa era unha “organización desarmada” e que o seu arsenal pasara estar agora “en mans da sociedade civil”. ETA explicaba que “tomamos as armas polo pobo vasco e agora deixámolas nas súas mans” e pon en valor o compromiso da sociedade civil, que deu o paso “de asumir a responsabilidade técnica e política do desarmamento”. A organización engade que o camiño “foi duro e difícil” por mor, afirma, dos “obstáculos” que puxeron os estados español e francés; aos que acusa de manterse na vía policial e de apostar nun relato de “vencedores e vencidos”.