Medio Ambiente

'12 meses, 12 invasoras': o eucalipto centra en setembro a campaña de Verdegaia

A biomasa fabricada a partir de eucalipto é unha materia empregada para a xeración de biogás. (Foto: Xunta da Galiza)
Esta especie exótica invasora, alertan as ecoloxistas, "pode alterar as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo conducindo a unha diminución da diversidade de invertebrados, fungos, liques, plantas e mesmo de anfibios e aves".

O colectivo ecoloxista Verdegaia continúa coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de "visibilizar o problema ambiental que supoñen as especies exóticas invasoras (EEI)". Este mes de setembro dedícano á que probabelmente é a EEI por antonomasia na Galiza, o eucalipto (Eucaliptus globulus).

Unha árbore orixinaria de Australia e que no noso país atopou unhas condicións óptimas para expandirse: solos con moita auga, clima temperado e, sobre todo, censuran, "a avaricia de propietarios e administracións dispostos a sacrificar o bosque galego por beneficios rápidos e cómodos".

Entre os efectos negativos desta especie, salientan, alén dos "amplamente coñecidos" como o "consumo excesivo de auga" ou que "favorece a expansión dos incendios forestais",  outros "menos mediáticos pero igual de desastrosos", como a "alteración que provoca ás propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo conducindo a unha diminución da diversidade de invertebrados, fungos, liques, plantas e mesmo de anfibios e aves".

Ademais, proseguen desde Verdegaia, polo modo en que é explotado o eucalipto pola industria madeireira, "fragmenta os espazos naturais, coloniza espazos abertos e aumenta o risco de incendio".

No último domingo do presente mes realizarán unha actividade en colaboración con Montescola en Froxán (Lousame), dentro do programa das 'Brigadas deseucaliptizadoras'. Unha iniciativa que promove accións de restauración ambiental en áreas con "valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización". Os traballos realizaranse en terreos de Montescola adquiridos co apoio da Deputación da Coruña.

Programa

En horario de mañá haberá unha roga que permitirá afondar nas diversas técnicas para "combater a expansión do eucalipto" e, posteriormente, levaranse á práctica. Ás 14 horas está previsto que rematen os traballos e, quen poidan quedar, terán un xantar ofrecido pola organización.

Xa pola tarde, explicarase o "segredo do éxito" da iniciativa que naceu en Froxán hai agora xa cinco anos, rematando a xornada contra as 19 horas.