A verbena galega quece motores

As verbenas deste sábado terán unha capacidade máxima de 1.000 persoas, previa adquisición de convites (Foto: Europa Press)

Arteixo, Noia, Mondoñedo, O Carballiño, Marín e Tomiño servirán de proba piloto este sábado para o regreso das orquestras.

A verbena galega examínase, "ilusionada", este sábado, 19 de xuño: seis orquestras participarán na proba piloto organizada pola Xunta en seis concellos do país: Arteixo, Noia, Mondoñedo, O Carballiño, Marín e Tomiño.

"É un paso adiante moi importante", recoñeceu o secretario da Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (Asevega), Pablo Franco, que se mostrou "moi ilusionado" cun ensaio que lles permitirá "detectar problemas que se poidan dar durante o verán e buscarlles solución".

"Podemos comezar a soñar con volver traballar", comentou Franco, unha ilusión á que tamén se referiu o presidente da Asociación Galega de Orquestras (AGO), Manuel Fraga, que indicou que a proba piloto serve ademais para "comprobar que a demanda en canto a verbenas continúa a existir, por parte dos concellos e da xente".

En Arteixo, a orquestra Os Satélites actuará no aparcadoiro do Campo de Fútbol Ponte dos Brozos; en Noia farao Costa Dorada. A agrupación La Principal será a encargada da verbena de Mondoñedo; e Cinema fará o propio no Carballiño.

No municipio de Marín, Marbella actuará no aparcadoiro da Praza de España. E por último La Oca Band amenizará a verbena que terá lugar en Tomiño, no campo da festa do Alivio.

Capacidade limitada

A elección das formacións non é casual. "Hai que ter en conta que as grandes orquestras galegas arrastran moita xente, o que tampouco convén nunha proba cunha capacidade limitada e na que se pretenden evitar aglomeracións", explicou Franco, que apuntou ademais que estas grandes formacións "teñen aínda un caché que non é fácil de costear".

A proba piloto contará ─igual que o ensaio do lecer nocturno deste mesmo sábado─ con indicacións específicas, aínda que con base nas últimas medidas publicadas na quinta feira pola Consellaría de Sanidade. As verbenas terán unha capacidade máxima de 1.000 persoas, previa adquisición de convites.