Caderno de Verán

O verán de... Xosé Ramón Gayoso: "As Rías Baixas son un auténtico privilexio. Nada de Canarias, o mellor verán está aquí!

No 'Caderno de Verán' falamos co popular presentador da TVG.

Un presentador tan recoñecido coma vostede colle vacacións?

Si, collo vacacións, é necesario que o programa descanse. Só paramos cinco venres durante o verán, o resto do ano continuamos nun ciclo anual case completo. Chega un punto no que pasamos máis tempo cos compañeiros e compañeiras do programa que coa nosa propia familia.

E que lle gusta facer nese descanso do verán?

O ideal sería non facer nada, pero é imposíbel. Eu fixen atletismo e encántame correr polo monte. A miña muller sempre me pide que lle diga onde vou por se algún día non volvo saber onde atoparme! No verán tamén acostumo ir á praia, comer nalgunha terraza, pasear... nese aspecto considérome moi ordinario. Tamén desfruto moito asistindo a concertos, espectáculos ou exposicións. En xeral prefiro estar relaxado coa miña muller. Como o meu traballo implica un contacto continuo coa xente, no verán gústame estar tranquilo na casa.

Hai algún lugar ao que lle guste ir especialmente durante as vacacións?

O Grove. Eu son da Coruña e gústame moito a cidade, pero o clima do Grove é moito mellor e hai que priorizar a temperatura no verán. Unha vez alí, adoitamos movernos pola zona das Rías Baixas, que son un auténtico privilexio. Nada de Canarias, o mellor verán está aquí!

Recoméndenos un libro, unha película ou grupo de música para desfrutar este verán

No referido á música, vou recomendar o último disco de Marcelo Dobode, Turoqua, é un rapaz novo que bebe moito da música tradicional mais que tamén conta con diversas influencias contemporáneas.

Con respecto á literatura, recomendarei El infinito en un junco, de Irene Vallejo, que conta a historia dos libros. É unha novela moi especial e entretida.

Finalmente, en relación ás películas, coido que ir ao cinema é case un rito, e a min encántame. Unha das películas que máis me fixo sentir é Cinema Paradiso. Tamén vin moito Mary Poppins coa miña filla, que amosa ese mundo de fantasía tan necesario na vida. A realidade é moi dura, ás veces sorrimos e ás veces choramos, e o cine, como a música ou a literatura, pretende abstraer o espectador da rutina, por iso a fantasía é tan sá para o espírito e para o corpo.