Caderno de Verán

O verán de... Sechu Sende: "No verán podemos dedicarnos ao activismo"

Sechu Sende

Pode un escritor coller vacacións durante o verán?

Si, son tamén profesor e si collo vacacións; fai falta descansar un pouco do ritmo cotiá, cambiar de dinámicas, osixenarse e mudar os hábitos.

E durante as súas vacacións, que actividades lle gusta realizar? 

Gústame andar en bicicleta, estar coa miña familia, movernos, descubrir novos lugares da Galiza, visitar Portugal, camiñar pola montaña, especialmente no Courel, ler e, se teño tempo, tamén escribir. Gústame tamén regueifar, ir ás foliadas e facer festa coas amizades e coa familia. Ultimamente estou pintando lousas do Courel, debuxo osos pardos e outros animais. Como profesor, tamén aproveito para preparar os contidos do curso seguinte e, como escritor, divírteme escribir como forma de desconectar. Agora estou elaborando unha serie que se chama Pasamontañas, que son vídeos para TikTok e, en cada un, aparece unha persoa cun pasamontañas narrando un dos meus poemas en voz en off.

Ademais de todas esas actividades que comenta, ten algún plan para este mes de agosto?

Pois gustaríame ir a Portugal pero dada a situación actual aínda o estamos pensando. Tamén me gustaría facer unha ruta en bicicleta coas miñas amizades, ben polo Courel ben pola Mariña, aínda non sabemos. Coido que resulta unha maneira moi saudábel de moverse polo país. Ademais conto con visitar O Courel, sempre vou cando teño tempo e máis agora que estamos nunha asociación para defendernos contra os eólicos, polo que organizaremos actividades reivindicativas. As vacacións permiten que nos poidamos dedicar máis ao activismo e á militancia en defensa da terra.

Recoméndenos un libro, un grupo de música ou o que queira para desfrutar este verán.

Recomendo Super Ulex de Susana Sanches Arins como lectura. No referido á música, recomendaría todo o novo que se está a facer no mundo do rap e do trap: Aurora 'A Rabela', Verto, Boyanka Kostova... toda esa nova vaga que vén con moita forza. E sobre todo recomendo que a xente regueife moito; a regueifa é unha ferramenta revolucionaria que nos enche de enerxía.