A falta de cobertura das vacacións por parte do Sergas provoca recortes de servizos na sanidade

As carencias na sanidade pública denunciadas polo BNG xa impulsaron outras protestas cívicas en Soutomaior.
A falta de cobertura das vacacións de persoal sanitario por parte do Sergas recorta servizos en lugares como Soutomaior ou Meis.

No concello de Soutomaior hai prevista este domingo unha mobilización, impulsada polo  BNG, para protestar polos recortes sanitarios que está a aplicar o Sergas este verán, ante a falta de cobertura das vacacións de facultativos e a "redución á metade" da atención no municipio. A convocatoria, que ten precedentes multitudinarios na localidade, apunta ao "desmantelamento constante" da sanidade a mans da Xunta, que se plasma"nuns cupos tan elevados que provocan colapsos continuos na Atención Primaria", sen que se cubran "baixas de médicos, enfermeiras, nin pediatras" , ou "no feche do consultorio de Soutomaior" recortes que, segundo o BNG, deixan o concello "cun médico e outro a media xornada para atender un municipio de 7.500 habitantes".

O caso non é nin puntual nin excepcional. Segundo confirman desde SOS Sanidade Pública, a situación é similar no concello de Meis, e está obrigando a que a atención de menores se realice en Baltar pola falta de pediatra, mentres as tarxetas sanitarias da poboación adulta están sendo derivadas ao centro de Cambados. Tamén alí, o deterioro da sanidade pública, xunto co descontento ante unha atención telemática en aumento, en detrimento da presencial, levan a artellar mobilizacións cívicas.

"Estase empregando a pandemia para suplir a atención presencial con consultas telefónicas para que a xente non vaia aos centros e pareza que non hai colapso", engade desde esta plataforma o portavoz, Manuel Martín, quen apunta a que este sistema de priorización da atención telemática "pode consolidar os recortes e manter a estratexia de seguir reducindo".

Para Jesús Sueiro, da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, os de Soutomaior ou Meis son exemplos das políticas de "substitucións inexistentes" que a Xunta leva aplicando nos últimos anos.  

"A reposición de persoal non existe, non se forman residentes e polo tanto os cadros son curtos e as substitucións son practicamente nulas. Nos centros grandes –fala como profesional do centro ambulatorio Concepción Arenal de Compostela, un dos de maior tamaño de toda Galiza–, ímonos cubrindo entre nós e esa diminución nótase menos, aínda que teñamos que traballar con pacientes de cupos que non coñecemos. En centros nos que non hai máis que un médico, ás veces non queda outra que fechalo e derivar á cabeceira da comarca", expón.

Sen ser a falta de cobertura das vacacións un problema novo, o facultativo apunta, neste verán, a unha complicación engadida, derivada dos meses de maior incidencia da pandemia. "Estamos vendo que, ao levantarse as restricións, están a aflorar todos os problemas da sanidade non polo coronavirus, senón pola xente que leva tres meses na casa sen facerse control, análise e sen consultar. Comeza a vir toda esa onda de falta de atención destes meses, e as consultas, que nesta época do ano adoitan estar máis tranquilas, están saturadas como se estivesemos en plena campaña da gripe", advirte o doutor Sueiro.

"Estamos vendo xente que non tivo oportunidade de ir ao médico ou á enfermaría nos últimos meses con complicacións nas súas doenzas. A Atención Primaria é o primeiro contacto da poboación coa sanidade, e se a temos recortada e afastada por mor da vía telemática os problemas dos e das doentes poden agravarse", concordan desde SOS Sanidade Pública. 

"Manobras" para a favorecer a sanidade privada

Os tres meses de redución do funcionamento ordinario da sanidade trouxo, segundo apunta Manuel Martín desde SOS Sanidade Pública, "unha lista de espera moi importante" para probas diagnósticas. "A nosa proposta era pór a traballar de mañá e de tarde os centros hospitalarios e de diagnóstico, laboratorio e radioloxía, para dar saída a semellante atasco. No canto  disto, o que fai o Sergas é fechar camas como todos os anos", censura, vendo neste procedemento "unha  manobra para incrementar a derivación de pacientes aos centros privados".

O sindicato de enfermaría, Satse, calcula que "como mínimo" fecharanse este verán 400 camas nos distintos centros sanitarios galegos e culpa a Xunta de "non informar con claridade" e " esperar a que pasen as eleccións".