A Covid-19 muda a mostra física pola virtual

Un verán de poucas feiras

Xornada inaugural da Mostrart 2020 na Coruña.
Tradicionalmente, o verán é o período de maior actividade para a venda dos produtos artesáns galegos. Este ano, a Covid-19 causou tamén neste sector unha crise, derivada da baixa cifra de feiras realizadas e da menor afluencia de público e artesáns.

O gremio artesán vai lembrar o ano 2020 pola drástica redución que viviu no número de feiras debido á pandemia do coronavirus. Argálica, Faroleiros e Mostrart foron algunhas das poucas citas estivais que se realizaron e que, a pesar de seren seguras grazas á aplicación dos protocolos sanitarios, tamén acusaron unha baixada de público.


"Cada feira tivo que aplicar un conxunto de medidas para minimizar o risco de contaxio", comenta Sol Vázquez, directora xeral de Comercio da Consellaría de Economía. Medidas baseadas en garantir a distancia de seguridade "e con tal finalidade había entradas diferenciadas das saídas para que houbese un percorrido específico e unha única vía de circulación", engade "e tamén houbo que garantir a distancia entre os postos, ben afastándoos ou ben interpondo barreiras". 

 
A distancia entre artesán e cliente é tamén punto chave da seguridade tanto en feiras como en tendas. "Fíxose un esforzo moi importante porque o que interesa nunha feira é que haxa público e a xente só vai asistir se se sente segura", comenta Sol Vázquez. Aínda así, o ceramista Marcelo Scapinachis fala de que  "as vendas foron bastante inferiores a outros anos" e recalca que "en Argálica a facturación foi de entre 60 e 70% menor que o ano anterior". 


O artesán, actualmente instalado en Mondoñedo, refírese así mesmo aos profesionais e explica que "tamén houbo menos oferta dos oficios, artesáns que preferiron non ir ás feiras e quedar no obradoiro porque había moita incerteza en canto a vendas".


Como o resto das profesións, a artesanía viuse confinada e abocada ao traballo en liña a pesar de que para o gremio "a artesanía é un produto no que a venda online é máis complexa porque  xente quere tocar, sentir as texturas", afirma Scapinachis. Así e todo, desde Creativas Galegas, Bea Barril explica que a actividade no confinamento non cesou e "xurdiron varias iniciativas coas que seguimos agora, coma os 'parladoiros' para compartir as inquedanzas e propostas ou a 'xanela' para presentar unha persoa do colectivo e dar a coñecer a súa marca". 


A entidade reclama un mercado virtual global e Sol Vázquez asegura que "desde a Xunta sacamos axudas á organización de feiras físicas e tamén virtuais e incluso efémeras".