O verán de... Paula Carballeira: "Aínda non teño sensación de liberdade"

Paula Carballeira
Entrevistamos a escritora e contacontos no 'Caderno de verán'.

Como se está a desenvolver o verán? Permítelle o traballo coller un tempo de descanso?

Pouco, normalmente non collo vacacións. Aínda que non teña unha carga de traballo excesiva si estou tendo encargos, afortunadamente, sobre todo funcións e sesións de contos.

A Covid está a marcar enormemente este verán, ao igual que o pasado, en que nota a diferenza? Atopa máis demanda cultural?

Si, xa o notei o ano pasado, ao saír do confinamento, víase que a xente tiña ganas de desfrutar das actuacións. Entre a perspectiva de futuro que ofrecen as vacinas e a posibilidade de actuar ao aire libre, este verán vese que a xente chega con moitas ganas de consumir cultura. Con todo, si é certo que a Covid continúa a cambiar os nosos plans. Eu nótoo especialmente nas sesións de contos; narrar a un público con máscaras modifica por completo a recepción do que facemos. A situación tamén condiciona os desprazamentos, en xeral preferimos non ir moi lonxe; nese aspecto, eu aínda non teño sensación de liberdade, de poder ir onde queira e como queira.

Narrar a un público con máscara modifica por completo a recepción do que facemos

Aínda que teña moito traballo, que lle gusta facer no seu tempo libre? 

Son bastante tranquila. Gústame moito a praia, estar á beira do mar e, como agora vivo no interior, boto de menos a costa. Tamén aproveito para ler o que non puiden durante o curso. O verán é o meu tempo para escribir con calma, sen ter que entregarlle nada a ninguén, senón escribir para min, o que quero.

Di que lle encanta a praia. Hai algún lugar ao que lle guste ir especialmente durante as vacacións?

Adoito visitar a miña zona, preto de Mugardos. Vou ás praias de Ares, nas que pasei a miña infancia, mais tamén ás praias salvaxes do norte; a zona do Barqueiro encántame. Agora que vivo en Teo desfruto visitando a contorna e tamén fuxindo a sitios non moi visitados.

Comentou que lle gusta ler, podería recomendar algunha lectura para o que queda de verán? 

Recentemente lin a obra Unha noite no tren da Vía Láctea, do autor xaponés Kenji Miyazawa. Merqueino porque a edición publicada por Aira Editorial pareceume chulísima. É unha obra que vale para todas as idades.