O verán de... Miguel Ángel Santalices: "A desconexión absoluta resulta imposíbel"

Miguel Santalices (Foto: Pepe Ferrín).
Entrevistamos o presidente do Parlamento no Caderno de verán.

O Parlamento pecha durante o mes de agosto, pode entón coller vacacións?

Cando desempeñas un cargo público a desconexión absoluta resulta imposíbel, pero si procuro tomar un par de semanas de descanso, liberando a axenda, durante o mes de agosto.

Que lle gusta facer no seu tempo libre?

Fundamentalmente pasear, unha actividade que lle recomendo a todo o mundo, porque é moi saudábel e está ao alcance de todas as persoas, con independencia da súa forma física. Tamén adoito ler. Desfruto compartindo o tempo de lecer coa familia e cos amigos, sempre, claro está, respectando as recomendacións das autoridades sanitarias neste tempo de pandemia. 

Acostuma viaxar nas vacacións estivais?

Viaxaba mais no pasado que agora. Desde logo nin o ano pasado nin este. Como moito algunha escapada doméstica, na Galiza, para desfrutar de tantos lugares e xente marabillosa.

Cambiou a Covid algún dos seus plans para este verán?

Claro que si, como para todos. O verán é a estación da actividade social por excelencia e, desde a aparición da civid-19, todas esas actividades restrinxíronse ou mesmo se suprimiron. Poño un exemplo: na miña familia tiñamos por costume organizar unha xuntanza estival na que participabamos ducias de persoas. Lamentabelmente, ese tipo de actividades non se poden celebrar nas circunstancias actuais.

Podería recomendar algún lugar para visitar? E algún libro que lera recentemente?

Son reacio a efectuar recomendacións deste tipo, son moitos e non un só os lugares que podería recomendar, pero vou varrer para a casa. Recomendo visitar a igrexa visigoda de Santa Comba de Bande, na miña vila natal, unha auténtica xoia, magnificamente conservada, que foi declarada monumento nacional nada menos que en 1921, hai xusto un século. E xa postos, toda aquela comarca da Baixa Limia ben merece unha visita pausada. En canto a libros, recomendarei o último de Ramón Villares, Cultura e política na Galiza do século XXI, e Pandemias do profesor Gestal Otero.