Caderno de Verán

O verán de... Miguel de Lira: "Gústame moito cultivar na horta, é case unha terapia"

Entrevistamos o actor en 'máis', caderno de verán

Un actor tan recoñecido coma vostede colle vacacións durante a época estival?

Este verán haberá moito traballo. Estamos ensaiando un espectáculo novo de Chévere que estreamos en setembro polo que durante o verán pasaremos polas distintas fases de ensaio. Quizais polo medio si colleremos un par de semanas libres.

A Covid-19 continúa a truncar algún plan?

Agora xa non tanto. Tivemos bastantes actuacións de Chévere pola Galiza e tamén por todo o Estado co espectáculo Curva España. Ben é certo que se reduciu moito a capacidade dos teatros, o que para min semella absurdo cando nas igrexas e en demais espazos a porcentaxe da capacidade era superior, pero conseguimos facer as funcións que tiñamos previstas. Tamén se reduciu a capacidade no cine pero a xente continúa a ir ver a película de Cuñados. Coido que estamos axudando a volver a esa suposta normalidade, agora que a situación xa mellora.

Aínda que o verán se presente con moito traballo, que lle gusta facer cando ten algún momento libre?

Pois un pouco de todo. A min gústame moito cultivar na horta, é case unha terapia, mais tamén cultivar os aspectos relacionados coa cultura. Algunhas por cuestións profesionais e outras por gusto persoal, pero sempre desfruto da creación en calquera dos seus ámbitos. Coido que é unha marabilla retomar as enerxías colectivas e socioculturais. Despois da pandemia, agora prefiro optar por un consumo máis social.

Hai algún lugar ao que lle guste ir durante as vacacións?

Lira por suposto, aínda que desfruto moito as aventuras que poidan xurdir espontaneamente, sobre todo pola Galiza. Gústame calquera lugar, non podo especificar ningún.

Hai algún grupo de música que lle gustaría recomendar para descubrir este verán?

Si, recomendaría a Grande Amore, un grupo de Burela co que coincidín facendo unha curta que aínda está por ver a luz. Sorprendeume moi para ben esta súa faceta musical. Eu consumo e desfruto da música, da literatura e sobre todo das artes escénicas, e procuro sempre botar man da cultura máis fresca posíbel evitando os conxelados ou enlatados.