Caderno de verán

O verán de... Marta Otero: "Antes da pandemia era outra persoa distinta"

A xornalista Marta Otero.
Entrevista coa xornalista no 'Caderno de verán'. 

Permítelle o labor de xornalista coller vacacións durante o verán?

Si collo. Este é o meu primeiro ano con vacacións no verán, os pasados foron de traballo. Durante esta época non adoita haber moito que facer, ademais das celebracións, dos festivais, e de movementos por cuestións puntuais.

Xa que por fin pode gozar do seu tempo libre nesta época estival, que pensa facer? Que actividades lle gusta realizar?

Eu antes da pandemia era outra persoa diferente. Sempre intentaba buscar voos baratos para marchar de viaxe, cadrando unha detrás doutra, calquera combinación me valía para ir fóra, dentro das miñas posibilidades económicas. A Covid-19 cambiou esa mentalidade e agora dáme algo de medo. Na quenda de agosto que teño libre irei á miña vila, a Corme, e quizais faga algunha escapada polo Estado. Estou desexando que cando remate esta situación poida facer unha viaxe por Europa.

Di que lle gusta viaxar, en chave turista ou aventureira?

En chave aventureira sempre. Intento mercar os voos máis baratos que haxa e elixo o lugar máis diferente que poida atopar; preparo unha mochila co que necesito e marcho, non me importa se teño que facer moitas escalas. Cando comecei a viaxar prefería telo todo ben planeado, agora vou á aventura total, fago o que me pida o corpo, sempre afastándome das zonas turísticas e visitando o que me recomenda a xente.

E no que respecta á Galiza, ademais de Corme hai algún lugar que lle guste especialmente?

Gústame moito visitar Ourense, os canóns do Sil, Allariz, Celanova... encántame, a xente é moi acolledora e a zona é incríbel. Vou varias veces no ano e desfrútoo moito.

Podería recomendar algo para facer antes de que comece o curso?

Agora recomendo a serie POSE, de Netflix. Trata sobre un grupo de mulleres trans e negras no Harlem dos anos 80 e das familias que formaban entre eles ao seren rexeitadas polas súas propias. Mostra moi ben a subcultura underground do baile ball, é moi interesante. Ademais é unha temática que está de plena actualidade. Coido que é unha ficción moi real.