Caderno de Verán

O verán de... Manuel Gago: "No verán fago o que non podo durante o ano"

Como se presenta este mes de agosto? Poderá coller vacacións ou ten moito traballo?

Sempre intento coller vacacións en verán, normalmente agora en agosto, desde o punto de vista do meu traballo é o momento máis adecuado. Nas vacacións intento facer o que non podo durante o ano, principalmente viaxar. Gústame a sensación de ter un mes enteiro para min para coller o coche e marchar lonxe, coa axenda totalmente aberta. Prefiro non levalo todo planeado e deixar que o propio lugar marque os plans. Eu sempre escollo o sitio ao que vou no ultimísimo momento; gústame ir á aventura. Recordo un ano que non paraba de chover e dixemos: continuamos até onde non chova; chegamos até Croacia.

E no que respecta á Galiza, hai algún lugar ao que lle guste ir especialmente durante as vacacións? 

Moitísimos! Un sitio que me encanta e que aínda visitei recentemente é Carnota; gústame moito o espazo, a luz que ten, o vento... é moi especial. Tamén me gusta ir á Mariña, ten un ambiente moi bo. Adoito aproveitar o verán para explorar parroquias que non coñezo tanto. Estas vacacións conto con visitar o Miño, o tramo que percorre a Pontevedra, na confluencia entre a Galiza e Portugal.

"Un ano que non paraba de chover dixemos: contuinuamos até onde non chova, e chegamos até Croacia"

A vostede que lle gusta tanto viaxar, nota que a Covid-19 continúa a mudar os seus plans?

Si, sen dúbida, pero intento adaptarme. Teño unha casa no campo á que me gusta ir en verán para desfrutar da tranquilidade e da xente. Ademais, no verán tamén aproveito para escribir e traballar nalgún proxecto, tanto literario como doutra índole. Intento dedicar unhas semanas a levar unha rutina produtiva: pola mañá traballar no monte e pola tarde co teclado.

Gústalle moito ler, podería recomendar algunha lectura para estas vacacións? 

Quero recomendar un libro que ten case 1.400 páxinas, pero para min é realmente fascinante: Un mar sen limites, unha historia humana dos océanos, de David Abulafia. Trátase dunha aproximación global á interacción humana nos océanos, incorporando á perspectiva eurocéntrica a visión doutras culturas, como a do mundo asiático, algo pouco habitual.