Caderno de Verán

O verán de... Javier Olleros: "Gozo do cariño que hai detrás de quen fai de comer"

Javier Olleros
Entrevistamos o cociñeiro no 'Caderno de Verán'

O verán é a época con máis demanda de restaurantes, como un dos cociñeiros galegos máis recoñecido pode coller vacacións?

Non está dentro do meu calendario nin do programa, pero xa desde que teño uso de razón. O recordo que teño dos veráns é sempre de traballar axudando a meus pais; meu pai é cociñeiro e miña nai camareira. As miñas vacacións soñadas serían un verán no Grove de descanso.

E cando ten algún momento libre, que lle gusta facer?

Estar cos meus fillos e coas miñas amizades. Adoitamos coller as vacacións en febreiro e facer unha viaxe longa en familia, coido que é o mellor agasallo que lle podo facer aos nenos: dedicarme 100% á súa atención.

Ademais de ser o único cociñeiro galego con dúas Estrelas Michelín tamén conta cunha Estrela Verde.

Si. Superar a barreira das dúas estrelas Michelín foi xenial, coido que é unha historia moi importante para a Galiza. Con todo, podería dicir que me fixo aínda máis ilusión conseguir a Estrela Verde. Trátase dun recoñece que lle deron a doce restaurantes estatais con estrelas Michelín que premia a responsabilidade co planeta e a sustentabilidade. Ese é exactamente o camiño e a historia do noso restaurante Culler de pau: o compromiso coa contorna na que estamos. Gústanos destacar especialmente esta estrela porque non é tan coñecida.

Como desfruta un cociñeiro da comida? Precisa sempre produtos moi elaborados ou goza tamén dunha cociña máis básica?

Desfruto do cariño que hai detrás de quen fai de comer. O meu verdadeiro gozo é ese: as ganas de facer felices aos demais a través da comida. A xente pensa que é moi difícil invitar a comer a un cociñeiro, pero eu creo que é o máis fácil. Como sempre adoito estar do outro lado da barra, poder sentar á mesa, que me atendan e que cociñen para min, iso xa é un regalo. Non podemos desprendernos dese acto de xenerosidade que supón a cociña.

Cal sería o seu prato favorito para o verán? 

Calquera que mostre o lugar e a estacionalidade do produto. Coido que para o verán elixiría unhas sardiñas á brasa enriba do anaco de pan, iso si que é alta gastronomía.