Caderno de verán

O verán de... Isabel Risco: "Gústame moito practicar surf no verán"

Isabel Risco.
Entrevista no 'Caderno de verán' coa actriz e humorista.

Como se está a desenvolver este verán? Hai moito traballo no teatro?

As vacacións sempre as relaciono con non ter traballo, e este verán si teño. De todas as formas é moi importante ter tempo libre, permítenos observar e coñecer, que fai moita falta. A situación na que estamos está a marcar o verán moito no que respecta ao teatro, pois temos que improvisar máis. Estamos un pouco a velas vir e prográmanse actuacións con moi pouca marxe de tempo. Pero estou contenta, boto moito de menos o público e a forza e enerxía que dá. 

Di que é importante ter tempo libre, que lle gusta facer no seu?

Gústame estar en contacto coa natureza, tanto coa terra como co mar, e tamén ter a posibilidade de visitar o país. Eu reivindico moito o noso clima de verán, sei que hai xente que o odia pero coido que é como ten que ser, sen el non teriamos o país que temos. Habitualmente contamos cunha grande influencia do resto do Estado que non deixa ver o noso clima e a nosa realidade que tamén nos ofrece moitas posibilidades ademais da praia. 

Unha actividade que me gusta facer moito no verán é o surf, practiqueino moitas veces e, aínda que non teña moita idea, encántame. Os mellores lugares para practicar surf coido que son a zona de Ferrolterra ou as praias de Pantín, Baldaio e Razo. Con todo, cómpre terlle respecto ao mar, e máis se non se ten práctica. Espero poder practicalo este ano, e se é en compañía mellor.

No que respecta á Galiza, hai algún lugar ao que lle guste ir especialmente?

Moitos. Temos un país espectacular a pesar dos delitos medioambientais que nos levan afectando tanto tempo. A Serra da Capelada, por exemplo, encántame, tamén a Ría de Aldán ou a Ribeira Sacra... Ademais coas actuacións estou coñecendo lugares fermosísimos.

Recoméndenos un libro ou grupo de música para desfrutar este verán.

No referido á música, no verán, a raíz de visitar estes lugares máxicos, sempre recordo o disco Ogdens’Nut Gone Flake dos Small Faces, unha banda inglesa espectacular. Na súa cara B cóntase unha historia fantástica en “unwinese”, un idioma inventado polo propio narrador, Staley Unwin.